Outras lendas

Ademais da lenda de Breogán, de Hércules e de Trezenzonio consérvanse outros relatos que teñen como referente a Torre e que nos falan de episodios épicos e máxicos, nos que a realidade e a ficción se dan a man e que chegaron ata nós de xeración en xeración grazas á transmisión do mito. Entre eles debemos salientar:

A lenda do espello

Conta o rei Afonso X o Sabio na súa Crónica General que cando Hércules venceu a Xerión, cando o matou e enterrou o seu corpo, construíu unha torre sobre a súa tumba. O seu sobriño o rei Hispán fixo colocar no alto da Torre un candil e un grande espello que permitía controlar todo o mar de maneira que ningún navío podía percorrer a costa sen ser avistado desde o faro.

Segundo a tradición, este magnífico espello foi destruído polos xudeus que, ao escapar de Nabucodonosor, chegaron en barco ás costas coruñesas e ao saber da existencia deste espello que os podería descubrir, decidiron destruilo. Para iso ocultaron os barcos baixo un manto de follas e de pólas de árbores e camuflados baixo a vexetación levaron as súas naves ata os pés da Torre e, unha vez alí, romperon o espello.

A lenda do espello chegou ata nós a través de distintas vías. Algúns autores vinculan o mito ao de Hércules e outros ao de Breogán. Estes últimos defenden que nos días claros, grazas ao espello, era posible ver con detalle as costas de Irlanda e avisar con moita antelación da chegada de navíos inimigos.

A lenda da resistencia dos soldados ante o acoso de Francis Drake

Tettamancy, na súa obra La Torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico arqueológico, relata como entre o 5 e o 6 de maio do 1589 o pirata inglés Francis Drake asediou a cidade e tomou a Pescadería, pero un grupo de soldados refuxiáronse na Torre, resistiron pero sufriron un durísimo asedio. Este durou nove longos días nos que se remataron os víveres e mais a auga. Pouco a pouco a fame e o cansazo foron vencendo o ánimo dos soldados, pero houbo un que aguantou ata o final, sen máis alimento que os ovos dalgunhas aves que añiñan no vello faro.