Lenda de Trezenzonio

O relato do monxe Trezenzonio é unha fonte do século XI que combina a lenda de Breogán coa de Hércules nunha data anterior á redacción da Estoria de Espanna de Afonso X o Sabio, o que demostra a difusión do mito a partir do coñecemento das Etimologías de San Isidoro.

O documento deuno a coñecer Díaz y Díaz e narra unha viaxe de Trezenzonio a Galicia. Segundo a narración, este personaxe atopa cando chega á rexión unhas terras deshabitadas que quedaron baleiras tras a invasión árabe. No seu camiño pola costa, descobre unha alta construción, o Farum Brecantium, ao que se achega e sobe.

Cando chega arriba, atopa un espello no que por tres veces ve unha afastada illa á que lle entran desexos de viaxar. Chegado a ela, entra nun estado de beatitude que se prolonga durante sete anos, tempo durante o cal é alimentado por medios sobrenaturais. Pasado ese tempo, un anxo ordénalle emprender o regreso pero el négase e como consecuencia sofre o castigo de quedar cego e de ter o seu corpo cuberto de chagas. Ante esta situación, implora o perdón divino e regresa nunha barca a Galicia, pero ao arribar moi cerca de onde embarcara decátase de que as circunstancias cambiaron e que o Farum Brecantium está a medio destruír e a cidade repoboada.

Este interesante relato ten certos paralelismos co relato do Leabhar Ghabala. Tamén Ith se empolica no alto da Torre e desde ela ve unha illa que decide conquistar, que é Irlanda. Pero eses mesmos paralelismos pódense establecer coa lenda de Hércules, cando fai referencia ao espello que se encontraba no cume da Torre do que tamén nos fala a Estoria de Espanna.

Hai, polo tanto, á altura do século XI dúas lendas sobre a Torre: unha que vincula a súa fundación con Breogán e outra con Hércules, que aparecen asimiladas no relato de Trezenzonio.