Lenda de Breogán

A primeira ten as súas orixes no Leabhar Ghabala ou Libro das invasións, recompilación realizada no século XII de lendas irlandesas anteriores. Segundo esta fonte, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu as tribos de España. Tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia (A Coruña) e construíu xunto a ela unha torre, que denominou Torre de Breogán. Á súa morte, sucedeuno o seu fillo Ith, quen ao ver desde o alto da Torre as terras de Irlanda, partiu para conquistalas, pero a empresa fracasou, el morreu e o seu corpo foi traído a Brigantia onde foi enterrado. Sucedeuno o seu fillo Mil, quen intentou de novo a conquista de Irlanda e esta vez conseguiu vencer os Thuatha-Dé-Dannan e dominar todo o país.

A difusión desta lenda foi impulsada no século XVII polos Colexios de Irlandeses que se asentaron en España, e en concreto o de Santiago de Compostela que tivo un papel relevante pola súa proximidade á cidade herculina. Pasado un tempo o relato quedou no esquecemento, polo menos en Galicia, ata que no século XIX o recuperou a corrente celtista encabezada por escritores como Manuel Murguía ou Eduardo Pondal. Polo contrario, en Irlanda o mito mantívose vivo ao longo de todo este período.