Lenda de Hércules

De todas as lendas que coñecemos en torno á Torre esta é a que tivo unha maior influencia, de feito hoxe todos coñecemos este lendario faro como Torre de Hércules aínda que nas súas orixes este monumento non tivo ningunha relación con este personaxe clásico.

O autor desta lenda foi o rei Afonso X o Sabio (1252-1284) quen na súa Estoria de Espanna conta como o heroe Hércules construíu un enorme faro para conmemorar a súa vitoria sobre o xigante Xerión.

Retomando a tradición isidoriana, Afonso X vinculou a figura de Hércules a España e máis concretamente coa cidade da Coruña. Segundo a lenda, o lendario heroe grego veu na busca do xigante Xerión que reinaba sobre as terras comprendidas entre o Douro e o Texo, co fin de liberar o pobo do seu poder desmedido. O enfrontamento entre ambos os dous durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das cales Hércules venceu o xigante, cortoulle a súa cabeza e enterrouna xunto ao mar. Para conmemorar a súa vitoria construíu sobre o túmulo, unha torre-faro e nas proximidades deste fundou unha cidade á que lle deu o nome de Crunia, como recordo da primeira muller que habitou este lugar e da cal o heroe se namorou.

Cando Hércules marchou Espán, o seu sobriño, foi nomeado señor de España e pobou vilas e cidades. Acabou de construír a Torre do Faro que comezara o seu tío e como era un home sabio dotouna dun candil cun lume que nunca se apagaba, ademais fixo un grande espello polo que se vían vir as naves inimigas desde unha gran distancia.

O relato de Afonso X o Sabio influíu en obras posteriores como a Crónica Abreviada de Don Juan Manuel ou a Crónica General de Espanha de 1344, nas que se foi completando o mito. O Licenciado Molina introduce esta lenda na Descripción del Reino de Galicia (1550), o mesmo que Florián Ocampo na Crónica General (1544) na que intenta separar a historia da lenda.

Máis información sobre Lenda de Hércules [.PDF]