Lendas

A Torre de Hércules conta cun rico patrimonio inmaterial baseado en lendas ligadas á súa fundación e á súa historia. Estas non sempre se valoraron nin analizaron como produtos derivados das sociedades que as crearon e, porén, tiveron unha relevancia extraordinaria para a historiografía que ao longo dos séculos XVI, XVII, XVIII e XIX intentou explicar as súas orixes. Entre todas elas debemos destacar a lenda de Breogán, de orixe irlandesa; a de Hércules, de tradición grecolatina; e o relato de Trezenzonio, que combina ambas as dúas tradicións.

Dous autores ocupáronse de analizar con exhaustivo rigor a importancia destes relatos: José María Bello Diéguez e Francisco Javier González, os que a través das súas publicacións tentaron difundir este rico patrimonio inmaterial.