Reformas século XX

Nas últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX continuaron as melloras para adaptar o sistema de iluminación aos adiantos técnicos que se ían producindo. Así a lámpada Sautter foi substituída por outra nova da casa Létourneau, co obxectivo de que a súa luz fose máis forte e visible nas noites escuras dos temporais atlánticos.

Á marxe destas cuestións técnicas, a Torre, tras a restauración de Giannini empezou a ser coñecida e valorada, e especialmente querida para un pobo como o galego, cunha longa tradición mariñeira e que desde as súas orixes mantivo unha estreita relación con ese mar embravecido que destrúe as súas costas e leva os seus mariñeiros. Nese contexto, o faro é a luz que orienta o camiño e que conduce a porto, é a imaxe do regreso, da feliz singradura, e por iso converteuse nun símbolo, nunha icona que pasou a formar parte da memoria colectiva da nosa sociedade. Por iso cando a finais do século XIX e principios do XX, os galegos se lancen á emigración na busca de traballo e de mellores oportunidades, crucen o Atlántico e cando se espallen por Latinoamérica, levarán nas súas lixeiras equipaxes a imaxe da Torre de Hércules, que empeza a brillar con forza desde o outro extremo do océano grazas aos artigos que os galegos publican en revistas da emigración. Non hai unha soa delas que entre 1890 e 1960 non conte cun artigo dedicado á Torre, onde a morriña e a saudade se fan evidentes.

Máis información sobre Reformas século XX [.PDF]