Reformas século XIX

Co paso do tempo, a Torre foi modernizando a súa lámpada para mellorar a iluminación e que os reflexos chegasen máis lonxe e servisen de apoio aos barcos. En 1847, o sistema de reflectores antigos substituíuse por un aparato catadióptico de terceira orde que a colocou á vangarda dos sistemas de iluminación marítima. A nova instalación do alumeado serviu para as prácticas dos alumnos da Escola de torreiros que funcionou entre 1850 e 1853 na Torre, baixo a dirección do piloto mecánico e reloxeiro Agustín Antelo. Durante ese curto período de tempo, as clases impartíronse nas vivendas dos torreiros que se encontraban na faldra da lomba sobre a que se asenta a Torre.

En 1858, A Coruña vestiuse de gala para recibir a raíña Isabel II que, acompañada de Francisco de Asís e do príncipe de Asturias, visitou a cidade e o faro. Para tan importante ocasión procedeuse ao “embelecemento” do interior da Torre mediante papeis estampados e teas que cubriron as pedras espidas das cámaras; colocáronse ademais falsos teitos que ocultaron as sinxelas bóvedas de canón e tabiques de barrotillo na planta baixa. O chan de pedra cubriuse con alfombras e amobláronse algunhas das estancias co fin de que o cortexo real puidese facer os descansos oportunos na subida ao alto do faro. O resultado, segundo as crónicas do momento, foi sorprendente porque con eses cambios as cámaras do faro pasaron a converterse en salas anódinas de gusto cortesán.

No primeiro piso localizábanse os cuartos destinados ao gabinete do enxeñeiro encargado do faro, no segundo habilitouse un salonciño para visitas distinguidas que, tras o paso da soberana, pasou a ser coñecida como a “sala de raíña” e no terceiro un almacén para materiais relacionados coa lámpada de alumeado.

Máis información sobre Reformas século XIX [.PDF]