Reformas século XVIII

A finais do século XVIII, A Coruña era un dos portos máis activos do norte de España e o tráfico marítimo adquirira unha grande importancia, ademais a proximidade ao porto de Ferrol, que era a base principal da armada española, convertera o Golfo Ártabro nunha zona de paso obrigada para as frotas militares. Estas circunstancias propiciaron que o Ministerio da Mariña decidise no 1785 restaurar a Torre de Hércules como parte do plan xeral de mellora e de modernización do porto da Coruña. O capitán xeneral de Galicia, Pedro Martín Cermeño, máxima autoridade do reino, apoiou abertamente o proxecto e en 1787 encargoulle ao enxeñeiro militar Manuel de Navacerrada un informe exhaustivo do estado en que se encontraba a Torre. Nese documento, Navacerrada di que se conserve a estrutura do faro romano e que se adapte aos avances técnicos da sinalización marítima, en lugar de derrubalo e construír outro novo. Esta opción era a máis económica, argumento nada desbotable, pero ademais permitía consolidar un monumento que era o símbolo da cidade, aspecto que defendía o académico José Cornide Saavedra. O 4 de xaneiro do 1788, o rei Carlos III autorizou a restauración da Torre que ía financiar o Consulado do Mar.

Entre os meses de marzo e xuño de 1788, o enxeñeiro militar Eustaquio Giannini, elaborou o proxecto, durante ese tempo, contou coa inestimable axuda de José Cornide quen achegou os seus coñecementos sobre a Torre para que a súa intervención fose o máis respectuosa posible cos restos conservados e contribuíse á súa valoración. O resultado desta colaboración foi un exemplo paradigmático de restauración arquitectónica no que Giannini-Cornide fan unha reflexión profunda dos criterios de intervención que deben aplicarse a un monumento romano. Boa parte da investigación realizada foi publicada por José Cornide no 1792 en Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la Torre llamada de Hércules, unha obra que segue a ser clave para o estudo do faro.

Máis información sobre Reformas século XVIII [.PDF]