Idade Moderna

Foi no século XVI cando empezaron a darse os primeiros pasos cara á recuperación do monumento que posibilitará que os restos do faro romano, unha vez restaurados, volvan converterse a finais do século XVII nun dos principais bastións para a orientación dos barcos no noroeste de España.

A mediados do XVI, aínda os coruñeses seguían atopando na Torre unha canteira inesgotable de pedra para as novas construcións que se estaban a realizar na cidade. Unha e outra vez, o Concello, como propietario do faro, prohibe a extracción de material, pero con escaso éxito. Así mesmo impulsa unha serie de obras de consolidación e mellora do edificio, como a compra de madeira no 1537 e 1562 para construír unha escaleira interior que permitise acceder a través das cámaras á lanterna do faro xa que a rampla exterior desaparecera.

Durante esta fase de recuperación, é posible que se volvese poñer en funcionamento o faro porque o tráfico marítimo se intensificou de forma significativa polo comercio peninsular e internacional con Europa e América, e A Coruña converteuse daquela nun porto estratéxico do Atlántico, debido á súa privilexiada posición, ao fondo dunha ampla ría e ao amparo das tempestades do océano, pero coa dificultade engadida de contar cun acceso angosto que facía moi complexa a manobra de entrada no porto para aqueles navegantes que non coñecesen este tramo de costa. Dadas estas circunstancias, parece obvio que o Concello cando inicia as tímidas melloras da Torre estea pensando en recuperar para o uso marítimo o vello faro, que serviría de baliza, de atalaia, pero tamén de sinal marítimo, retomando a súa vella función. De feito na cartografía da época incorpórase a imaxe do faro e nas cartas náuticas inglesas, potencial inimigo de España, aparece a referencia á Torre.

Máis información sobre Idade Moderna [.PDF]