Idade Media

Durante a Alta Idade Media, o faro iniciou un dilatado proceso de abandono, espoliación e ruína. O declive do Imperio romano e das súas redes comerciais supuxo a decadencia das grandes rutas marítimas, que deixaron paso a unha navegación de cabotaxe de baixa tonelaxe moi intensa en augas interiores como as rías galegas.

Nesta época é posible que o faro xa non alumease o horizonte pero a súa simple presenza sobre a península na que se asenta sería suficiente para converterse nunha impoñente baliza diurna para a orientación dos navegantes, cando accedían ao porto coruñés desde barlovento. Tal debió ser a súa relevancia que desde época moi serodia aparecen relacionados cos restos do faro unha serie de topónimos como “Farum Brecantium”, “Farum Pregantium” ou simplemente “Faro”. É máis, desde o século IX ou X a antiga poboación de Brigantium pasou a chamarse Faro, proba da importancia que este seguía a ter.

Durante a época das invasións normandas, en varias ocasións, recolléronse referencias ao faro. Concretamente na Crónica do rei Afonso III se fala dunha batalla no ano 846 na que as tropas asturianas se impuxeron ás hostes normandas xunto ao Farum Brecantium. En relatos posteriores consérvanse outras alusións similares.

Debido ás ameazas externas e ao declive da actividade portuaria e comercial, o núcleo de Brigantium decreceu case ata desaparecer porque a súa poboación se trasladou a un asentamento máis seguro, o chamado Burgo do Faro, situado ao fondo da ría, no actual concello de Culleredo, unha zona resgardada de posibles ataques externos. Nese momento, os restos do faro constituían unha torre de vixilancia cun marcado carácter militar e defensivo.

Máis información sobre Idade Media [.PDF]