Idade Antiga

Desde o século II a. de C., en Hispania, obsérvase unha crecente intensificación das relacións comerciais co noroeste peninsular. A expedición de Décimo Xuño Bruto que penetrou na rexión galaica polo sur, a través de Portugal, é unha proba irrefutable deste intercambio en datas moi serodias. No ano 61 a. de C., segundo Dión Casio, foi o propio Xulio César, que estaba en Cádiz, quen dirixiu a expedición que chegou por mar a Brigantium (actual A Coruña) co obxectivo de establecer contactos comerciais, que puideron materializarse na fundación dun pequeno establecemento colonial de importancia estratéxica nos límites do Imperio.

Obviamente, Brigantium converteuse nun porto importante da retagarda durante as Guerras Cántabras (29-19 a. C), cun papel relevante na distribución de homes e materiais para a contenda. Posteriormente, durante a paz de Augusto, produciuse un incremento significativo das relacións comerciais que se plasmou no desenvolvemento da estrutura viaria e no incremento do tráfico marítimo, que favoreceron un proceso de profunda romanización. Neste contexto, o noroeste peninsular converteuse nun territorio fundamental na conquista de Britania e o porto de Brigantium nun dos principais puntos de arribada da vía XX, máis coñecida como per loca marítima auténtica, na que se refuxiaron as armadas romanas no seu camiño á conquista de Britania. Este interese militar xustificaría a construción dun faro de grandes proporcións na entrada do Golfo Ártabro porque desde Xibraltar ata Fisterra os navíos navegaban paralelos á costa, a unhas poucas millas do litoral, seguindo a per loca marítima, pero unha vez chegados a Brigantium debían orientar as proas dos seus barcos cara ao canal da Mancha e aos territorios do norte, penetrando nun mar aberto e moi batido no que perdían o referente da costa ata chegar á Bretaña francesa.

No século V da nosa era, aínda o faro tiña unha importancia moi destacada xa que o cronista Paulo Orosio, discípulo de Santo Agostiño, sinalaba na súa obra, a Cosmografía que “o segundo ángulo de Hispania está orientado ao norte, onde a cidade galaica de Brigantia eleva para observación [do mar] de Britania o seu altísimo faro e digno de mención entre moi poucas cousas”.

Máis información sobre Idade Antiga [.PDF]