Algúns faros romanos no Atlántico

Faro de Gades

O antigo farode Gades construíuno, segundo as crónicas, Hércules a partir dun templo de planta cuadrangular de 100 cóbados de altura (89,22 m). Segundo as fontes conservadas, este faro estaba coroado por unha estatua de grandes proporcións e foi destruído no 1146 polos exércitos árabes de Ibn Isa Maymum. Pola súa pronta desaparición non conservamos testemuños gráficos.

Faro de Chipiona, antigo Turris Caepionis

No século II a. de C. construíuse no lugar onde hoxe está o faro de Chipiona a Turris Caepionis, erixida por orde do procónsul Quinto Servilio Capión, co fin de afastar da costa os navíos que navegaban nas proximidades e que podían encallar nos farallóns do río Guadalquivir, que eran un grave perigo. Foi descrito por Estrabón que o considerou como un dos mellores faros coñecidos. Lamentablemente desta importante edificación non conservamos ningún resto.

Torre da Orde ou Turris Ardens (Francia)

A Torre da Orde foi mandada construír por Calígula en torno ao ano 40 d. de C. para conmemorar unha imaxinaria vitoria. Esta ergueuse sobre os altos acantilados franceses, nas proximidades da desembocadura do río Liane. Nesta zona estivera instalado un dos campamentos das tropas de Xulio César e Claudio utilizara este porto como base para a conquista de Britania. Entre o ano 43 e o 296 d. de C., a armada romana do Atlántico para as provincias do norte tivo a súa sede en Bononia ou Boulogne. Nesta cidade consérvanse restos destacados desta época, como algúns fragmentos da muralla que delimitaba o campamento romano ou unha cripta pertencente a unha construción perdida.

Faro de Dover ou Turris Dubris (Inglaterra)

A Torre de Dover que está no condado de Kent, en Inglaterra, ao outro lado da canle da Mancha, era un dos dous faros que sinalizaban a entrada no porto de Dover. Probablemente o mandou construír o emperador Calígula cando se erixiu a Torre da Orde nunha data próxima ao ano 50 d. de C. Levantouse sobre os altos acantilados brancos desde os que se dominaba o porto. Pola súa posición estratéxica converteuse nunha atalaia en época medieval e foi a orixe do castelo de Dover, do que hoxe forma parte. Ten unha altura de 62 pés (18,6 m), dos cales só 43 (12,9 m) corresponden á fábrica romana e o resto á reforma de tempos de Henrique VIII. Desde hai séculos, os deteriorados muros reaproveitáronse para o campanario da próxima capela de St. Mary.

Máis información sobre Algúns faros romanos no Atlántico [.PDF]