Historia

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes ata a actualidade cumpriu coa súa función primixenia, a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que na súa travesía atravesaban e atravesan o corredor atlántico.

Foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou principios do século II d. C. polo Imperio romano, no finis terrae do mundo coñecido, para acompañar os barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio.

Localízase no NO da Península Ibérica, na rexión de Galicia, na provincia da Coruña e na cidade da Coruña.

O lugar elixido para a súa localización foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que se atopa entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.

Cando os romanos construíron a Torre, elixiron uns terreos que formaban parte dun espazo de culto ou santuario indíxena. Era frecuente que os celtas consagrasen promontorios costeiros a divindades asimilables a Hércules. Ademais no caso coruñés dáse a coincidencia de que as tres rochas que se sitúan no mar, fronte a Punta Eiras, se coñecen como Boi, Vaca e Cuxo, os mesmos topónimos que se repiten no santuario de Kenmare, na costa SO de Irlanda, onde as tradicións sitúan a illa de Donn ou dos Mortos. Polo tanto, nos terreos que rodean a Torre habería na época prerromana un santuario vinculado ás crenzas do máis alá que corroboraría o carácter sagrado de toda a zona.

Cando se construíu a Torre, esta quedaba afastada da cidade romana de Brigantium que orixinou A Coruña, pero co paso do tempo a distancia foise reducindo ata desaparecer e na actualidade a Torre está integrada na propia cidade pero dentro dun gran parque urbano que ocupa 50 ha. de terreo libre de edificacións, definido como solo rústico de especial protección e dedicado a zona verde.

Toda esta zona recuperada ten un gran valor paisaxístico por ser un tramo de costa de enorme beleza natural, con cantís abruptos que caen cara ao mar, formando unha chea de entrantes e saíntes onde baten con violencia as ondas do Atlántico.

Desde esta atalaia privilexiada domínase todo o Golfo Ártabro que comprende de cabo Santo Adrián a cabo Prior, unha ampla zona na que se atopan as illas Sisargas, as illas do Portiño, A Marola e As Gabeiras, ademais da entrada das rías do Burgo, de Betanzos e de Ferrol. Pola súa situación este parque que rodea a Torre é un observatorio desde o que a miúdo se poden ver especies de aves como os corvos mariños, gaivotas e araos que teñen os seus niños nos acantilados próximos.

As numerosas sendas que percorren toda a zona permiten que os visitantes gocen dunha contorna natural cunha flora autóctona dun indubidable valor ecolóxico.

Torre de Hércules: denominación e coordenadas xeográficas

A Torre de Hércules conta con case 2.000 anos de antigüidade, polo que tivo diferentes nomes ao longo da súa historia. Na época romana coñecíase como Farum Brigantium, na época medieval como o Faro ou Castelo Vello e na Idade Moderna como Torre de Hércules. Esta denominación baséase na lenda que recolleu o rei Afonso X o Sabio na súa Historia de España (s. XII d. C.), na que vincula a construción da Torre coa vitoria do heroe Hércules sobre o xigante Xerión.

O centro xeométrico da Torre de Hércules coincide coas coordenadas xeográficas:

Lat. 43º 23’ 13,3923” latitude norte.
Lonx. 8º 24’ 17,9519” lonxitude oeste.

A altura topográfica da base da Torre é de 57 m sobre o nivel do mar.

As coordenadas U.T.M. son:

X = 548.200
Y = 4.804.060
Zona = 29

Máis información sobre Historia [.PDF]