Faros romanos no Mediterráneo

Faro de Ostia (Italia)

O faro de Ostia era o que sinalaba a entrada ao principal porto do Imperio, ao gran centro de tráfico marítimo que abastecía a propia cidade de Roma. Este localizábase moi preto da capital, nas proximidades da desembocadura do río Tíber, na zona de Ostia. Alí se encontraba o Fiumicino, o canal que lle dá nombre ao lugar e que no pasado serviu para conectar o Portus Traiani co río Tíber, polo que as gabarras tiradas por bois levaban a mercadoría -trigo de Sicilia, aceite da Bética ou xigantescas columnas de mármore de Exipto- ata a capital do Imperio. Paradoxalmente, a pista principal do aeroporto Leonardo da Vinci remata onde se alzaba o faro construído por Claudio, seguindo o modelo do de Alexandría.

Faro de Mesina (Italia)

O faro de Mesina localizábase ao nordeste de Sicilia, sobre o cabo de Pelorus, e era o que controlaba o tráfico marítimo entre a illa e a península Itálica. En dúas moedas de Sexto Pompeio do ano 35 d. de C. aparece como unha torre cilíndrica acabada en cúpula e sobre a que se situaba a estatua de Neptuno cun tridente. Estrabón cítao en relación coas columnas de Hércules e di del:

… era un antigo costume marcar os límites mediante monumentos semellantes; exemplo diso é a pequena torre que os habitantes de Regium elevaron a xeito de columna, sobre o estreito de Sicilia, a semellanza do de Pelorus, que está no outro lado”.

Faro de Centumcellae (Civitavechia, Italia)

A expansión do Imperio no século I d. de C. determinou que o porto de Ostia resultase insuficiente para dar cabida ao intenso tráfico marítimo xerado entre Roma e as provincias, e que fose necesario a construción de novos portos cara aos que se puidese derivar parte do tráfico marítimo e dese modo desconxestionar o de Ostia. Así xurdiu o porto de Centumcellae e o faro que se construíu nunha illa artificial que se levantou para protexer os peiraos de atraque das ondas.

Este proxecto construtivo foi unha iniciativa do emperador Traxano quen, entre 103 e 113 d. de C. impulsou as obras deste complexo portuario.

Máis información sobre Faros romanos no Mediterráneo [.PDF]