Faros da Antigüidade

Aínda que existen poucas referencias sobre a orixe e primitivo desenvolvemento dos faros, parece lóxico supoñer que estas se remonten aos primeiros intentos de navegación cando o home se propuxo ir máis alá dos límites visuais dos seus primeiros portos.

Nun principio, cando a navegación se facía só durante o día, sen separarse moito da costa e sen perder de vista a terra firme, os sinais de orientación eran o simple recoñecemento dos propios accidentes naturais da paisaxe, porén, a situación cambiou cando esas identificacións se complicaron e foi preciso introducir algún elemento que permitise recoñecer a costa, así naceron os sinais marítimos artificiais, é dicir, os faros.

A este respecto podemos encontrar exemplos nos cinco continentes aínda que de tipoloxías moi distintas. Nas súas orixes todos se vincularon a personaxes mitolóxicos e recoñecéronse as súas propiedades máxicas, pero co desenvolvemento do coñecemento o home pasou a converterse no construtor dos seus propios faros.

En todas as civilizacións da Antigüidade tanto no ámbito mediterráneo -exipcios, fenicios, gregos ou romanos- como no ámbito oriental -a China das dinastías Shang e Zhou- ou no ámbito americano -aztecas, maias e incas-, desenvolvéronse diferentes sistemas de sinalización marítima máis ou menos complicados pero que non chegaron ata nós feito que os condenou a simples testemuños arqueolóxicos.

Neste sentido a Torre de Hércules é o derradeiro elo dunha gran cadea da que formarían parte os principais faros da Antigüidade, entre outros, algúns exemplos emblemáticos, como o faro de Alexandría ou o Coloso de Rodas, que foron recoñecidos por Antípatro de Tesalónica como unha das sete marabillas do mundo antigo.

Fronte a outros exemplos hoxe perdidos, como o faro de Ostia, o de Nápoles (Italia) ou o citado faro de Alexandría (Exipto), a Torre de Hércules é o único sinal marítimo que se mantén operativo de todas as torres de apoio á navegación que a civilización romana construíu tanto no litoral mediterráneo como no atlántico.

Máis información sobre Faros da Antigüidade [.PDF]