Valor excepcional

Segundo se establece nas directrices prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial, os bens que forman parte da Lista de Patrimonio Mundial teñen que demostrar un valor universal excepcional que os fai diferentes a calquera outro ben e que xustifica o criterio polo que o Comité de Patrimonio Mundial decide inscribilo. No caso da Torre de Hércules, o seu valor universal excepcional reside en que é:

  • O único faro romano do mundo que se conserva se non completo, si en máis dun 60% e que continúa a funcionar na actualidade.
  • É, ademais, un caso paradigmático dunha intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade porque cando no 1790 Eustaquio Giannini proxectou a restauración da Torre de Hércules, fíxoo aplicando uns criterios científicos, demostrando un respecto total pola integridade do faro e mantendo a súa autenticidade. Por iso, esa intervención, lonxe de restarlle valor, supón un atractivo máis porque amosa a sensibilidade dos homes e mulleres do século XVIII ao intervir no patrimonio construído.

Por todo isto, a Torre de Hércules achega á humanidade o coñecemento da evolución da técnica de sinalización marítima desde a época romana ata os nosos días. Constitúe neste sentido un referente excepcional a través do cal se pode estudar o desenvolvemento e a evolución dos diferentes sistemas de sinalización e de axuda á navegación desde os comezos da nosa era á actualidade.