Precedentes

O camiño da Torre de Hércules cara á declaración de Patrimonio Mundial iniciouse en marzo de 1986, cando a deputada e escritora María Victoria Fernández-España, apoiada polo Centro Galego de Madrid, fixo a primeira petición para que declarasen este monumento Patrimonio da Humanidade.

A idea retomouse no 1989, coincidindo cos actos que conmemoraban o II centenario da restauración do faro dirixida polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. A iniciativa tivo unha considerable repercusión social pero non chegou a materializarse en medidas concretas.

No ano 2001 ponse en marcha unha nova iniciativa capitaneada polo doutor José Vázquez Iglesias, máis coñecido como Manito, un gran namorado da Torre que seducido pola excepcionalidade do monumento, que tantas veces inmortalizara coa súa cámara de fotos, decidiu crear o Instituto de Estudios Torre de Hércules para impulsar a candidatura da Torre.

En torno ao Instituto, Vázquez Iglesias conseguiu aglutinar as principais institucións da cidade co obxectivo final de obter o apoio social e institucional necesario para que a UNESCO recoñecese a Torre como un ben de valor universal excepcional e aceptase a súa inscrición na Lista de Patrimonio Mundial.

O traballo do Instituto baixo a dirección de Vázquez Iglesias foi extraordinario e grazas aos fondos da institución financiáronse varios estudos técnicos que formaron parte dun expediente inicial que se entregou á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura.

A desaparición do doutor Vázquez Iglesias en xuño de 2007 non supuxo a desaparición do Instituto, que continuou co seu labor baixo a dirección de Segundo Pardo-Ciórraga y de Santos, o seu actual presidente.