Cartografía

A imaxe da Torre conta cunha iconografía moi rica desde a época alto medieval ata o século XVIII. Os mapamundis e as cartas náuticas constitúen un testemuño moi interesante que debe ser analizado porque ofrece unha visión moi suxestiva deste particular monumento. Ademais, o feito de que funcionase como faro durante tantos séculos determina que teña unha presenza notable primeiro nos portolanos e máis tarde nas cartas náuticas que utilizaban os navegantes nos seus desprazamentos.

Na Alta Idade Media, cando a tradición cosmográfica do mundo antigo se perde e con ela o interese polo rigor científico, na España mozárabe xorde un novo tipo de mapa que se caracteriza por ofrecer unha visión lendaria e simbólica do mundo coñecido. Neste contexto nacen os chamados mapamundi, ligados aos beatos, uns códices que datan dos séculos X e XIII que conteñen os Comentarios á Apocalipse atribuídos ao Beato de Liébana. Neste contexto, o mapamundi ilustra os territorios que hai que evanxelizar e a adxudicación destes entre os apóstolos. Todos os mapas conservados parecen derivar dun mesmo modelo, de aí as coincidencias que existen entre eles.

Seguindo a visión isidoriana, trátase de mapas orientados, é dicir, oriente é o punto cardinal situado na parte superior do mapa, na clave está situado o Paraíso claramente recoñecible pola iconografía que presenta: case invariablemente, Adán e Eva, a árbore e a serpe. Aínda que non sempre, adoitan debuxarse os catro ríos que agroman do Paraíso e van desembocar ao mar periférico. Os seus nomes eran Tigris, Éufrates, Xeón e Fisón. Asia ocupa a parte superior do mapa e está separada dos outros dous continentes por grandes cursos de auga de sur a norte: o Nilo, o Helesponto, o mar Negro, o mar de Azov e o río Don. Na parte inferior do mapa está África á dereita e Europa á esquerda, separada por unha lingua de auga que é o Mediterráneo.

Máis información sobre Cartografía [.PDF]