Escudos

Polo menos desde finais do século XV a Torre de Hércules pasou a converterse na imaxe da Coruña, ao tomala o Concello como tema para o seu escudo. A partir de aquí, cidade e Torre foron unha mesma realidade. As primeiras representacións coñecidas, en torno ao 1448, son moi sumarias pero ao longo do século XVI formulouse a estrutura do escudo, de maneira que a partir das décadas centrais do cincocentos todos os elementos claves para a interpretación da lenda de Hércules estiveron presentes.

Unha destas imaxes aparece na Executoria de 1552 do emperador Carlos V, xunto ás Columnas de Hércules. Nela represéntase o faro sobre un promontorio e dominando un amplo sector da costa. Baixo os cimentos da construción está enterrada a cabeza coroada de Xerión que se dispón ladeada, como base da propia Torre. No remate aparece tanto a referencia ao candil que colocou Espán como ao espello que permitía descubrir a gran distancia as naves inimigas. Ao redor do faro aparecen as sete cunchas de vieiras que simbolizan as sete provincias que conformaban o Reino de Galicia e nalgúns casos sobre a Torre se representa o copón como unha das armas do Reino.

Unha variante desta iconografía atopámola nun escudo conservado no Museo Arqueolóxico do castelo de Santo Antón, que data de finais do século XVI-XVII, no que a cabeza coroada é substituída pola caveira que perdeu a coroa que repousa ao seu lado.

Esta iconografía con mínimas variantes aparece nos escudos que se conservan do século XVII que están no Concello e na muralla do Xardín de San Carlos. En ambos os dous casos lábrase a Torre co seu candil pero a cabeza ladeada de Xerión foi substituída, nesta última, por unha caveira coroada que se dispón dereita, baixo o base da Torre.

Máis información sobre Escudos [.PDF]