Iconografía

A imaxe da Torre de Hércules é unha imaxe viva e omnipresente que está intimamente ligada á cidade da Coruña ata tal punto que resulta difícil identificar a esta se non se recorre ao faro. A Torre preside os escudos do Concello, da Deputación, da Universidade, da maior parte dos colexios profesionais e das asociacións culturais e deportivas coruñesas, pero tamén podemos encontrar a súa imaxe nas lousas que pavimentan as principais rúas da cidade, nos farois do paseo marítimo, en todo o mobiliario urbano, en adornos florais dos xardíns, decorando as tortas dunha das máis coñecidas confiterías da Coruña ou convertida no trofeo Teresa Herrera. A presenza da Torre é tamén evidente no rueiro e na toponimia da zona, así como nos nomes de empresas e negocios herculinos. Estamos a falar, polo tanto, dunha imaxe que identifica a cidade que é símbolo dun pasado milenario que desde xuño de 2009 é recoñecido como un ben de valor universal excepcional e forma parte da Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO.

O valor emblemático da imaxe da Torre está documentado a finais do século XV, cando esta se converte no símbolo da cidade, no seu emblema, nunha icona innumerables veces repetida en soportes de moi distinta natureza como selos de placa, executorias, cartas náuticas, escudos e marcas de propiedade do Concello que se distribúen por toda a cidade. Pero coñécense con anterioridade imaxes interesantísimas do monumento como o mapamundi do Beato del Burgo de Osma (ca. 1085) ou a Carta Hereford (ca. 1280), onde aparece o “Farum Brigantium” como símbolo do finis terrae do mundo coñecido.

Máis información sobre Iconografía da Torre [.PDF]