Fanal

O sistema de alumeado utilizado tras a restauración do faro seguía a xerar severas críticas polo que o Consulado decidiu melloralo e para iso enviou o capitán de navío José de Mendoza a Londres para que se informase da posibilidade de construír un fanal de reverberos parabólicos xiratorios. A finais de 1799, o novo sistema chegou á cidade. O seu alto custo obrigou o Consulado a facer unha colecta popular para sufragar parte dos gastos.

Para colocar o novo sistema de iluminación marítima era necesario introducir algúns cambios no corpo de remate da Torre. Miguel de Hermosilla, o enxeñeiro comandante do reino, solicitou os servizos de Eustaquio Giannini para que introducise as reformas pertinentes no corpo de remate. Basicamente esas modificacións consistiron en desmontar a cúpula e asentar sobre eses muros a base para un fanal de 3,20 m de diámetro.

As grandes ventás da lanterna, carentes agora de función, tapiáronse e construíuse unha escaleira interior para acceder á lámpada e outra de caracol exterior, que desemboca no balcón superior e que queda oculta baixo dun cilindro con remate troncocónico que lle deu o característico perfil á Torre e que serviu para colocar o pararraios.

Unha vez máis, no deseño desta escaleira de caracol fíxose un intento para integrala desde un punto de vista estético no conxunto e para iso buscouse pedra da mesma calidade e cor e, sobre todo, decorouse exteriormente cunha banda helicoidal que lembra claramente a que percorre o corpo principal do propio faro.

Máis información sobre Fanal [.PDF]