Rotonda

As pinadas escaleiras que discorren polo interior da Torre condúcennos ata o remate da estrutura romana, sobre a que se asentan os dous corpos octogonais que se engadiron na ampliación dirixida en 1789 polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. Estes asentáronse sobre a fábrica existente, mantendo un pavimento no que se combinan grandes perpiaños de granito, nunha solución de boa factura, que ben podería tratarse do chan orixinal que remataba a torre romana e sobre o que no pasado se levantou a rotonda que albergaba a lámpada.

A restauración do faro impulsada polo Consulado do Mar e dirixida por Eustaquio Giannini, no 1789, tivo como obxectivo adaptar a construción ás novas técnicas de sinalización marítima, polo que substituíu a estrutura de remate da Torre por dous corpos octogonais dos cales o segundo se concibiu como unha lanterna e que foi modificado anos despois.

O primeiro corpo está ocupado pola chamada sala Giannini. Unha cámara octogonal con catro piares radiais que deixan espazo para un corredor anular e un banco corrido. A estancia cóbrese cunha falsa cúpula. Na parte alta dun destes piares o propio arquitecto deixou constancia da súa intervención nunha inscrición que reza: “DIRIXIÓ ESTA OBRA EL THENIENTE DE NAVÍO INGO ORDINARIO DE MARINA D. EUSTAQUIO GIANNINI”. Resulta paradigmático que o enxeñeiro quixese perpetuar o seu nome na memoria das xentes e que recorrese a unha solución similar á adoptada polo arquitecto Caio Sevio Lupo cando dispuxo a súa inscrición conmemorativa aos pés da Torre.

Máis información sobre Rotonda [.PDF]