Escaleiras

Tras a desintegración do Imperio romano, a intensidade do tráfico marítimo reduciuse de forma moi considerable e a Torre foi perdendo o protagonismo que tivera como sinal marítimo ata quedar relegada a unha torre de vixilancia ou a unha atalaia privilexiada desde a que se dominaba o Golfo Ártabro. As grandes frotas que antano percorrían as costas da Gallaecia camiño de Britania desapareceron e con elas enmudeceu a luz do faro que deixou de iluminar o perfil dos cantís do noroeste peninsular.

Foi unha época de esquecemento e de abandono, durante a cal o faro se deteriorou gravemente e a rampla exterior que rodeaba o núcleo central e permitía o acceso á lanterna, así como as catro fachadas exteriores que a protexían, se arruinaron. Os ventos, o salitre e as chuvias que afectan a esta zona durante os temporais do inverno deberon ir consumindo os morteiros dos muros, pero tamén a acción do home foi determinante porque durante esta época a Torre se converteu na canteira da cidade e os seus perpiaños foron extraídos un a un polos habitantes da zona para reutilizalos na construción dos novos edificios que se estaban levantando daquela na cidade.

A destrución da rampla helicoidal ascendente que percorría o exterior da Torre de Hércules, da que case quedaban restos á altura do século XIV, significou a desaparición da única vía de acceso á parte superior da construción e ás diferentes cámaras que se localizan no seu alzado.

Cando a Torre recuperou a súa función como sinal marítimo, foi necesario habilitar un sistema para acceder á parte alta que permitise alimentar o faro. A solución adoptada foi a construción dunha escaleira interior que comunicase a base da Torre coa lanterna, aínda que para iso houbese que furar algunhas das bóvedas de factura romana.

Máis información sobre Escaleiras [.PDF]