Cámaras

A Torre de Hércules conserva o núcleo interno do faro romano, que presenta a particularidade de estar organizado en tres niveis con catro cámaras por planta. Esta distribución tan característica parece non ser exclusiva do faro herculino porque noutros exemplos similares, como no desaparecido faro de Leptis Magna (Libia-África), parece que existiu unha distribución similar dos espazos interiores.

A Torre organízase en tres niveis ou plantas de diferentes alturas cada unha delas: de 9,20 m, 9,60 m e 14,35 m, respectivamente. Cada piso presenta unha distribución similar, con catro cámaras cuadrangulares e independentes de 2,70 m de lado que se inscriben na planta. Todos estes espazos se cubrían con bóvedas de canón, pero tres desmontáronse ao construír a escaleira interior.

Os muros divisorios teñen un grosor de 1,5 m, que é a mesma anchura que tiñan orixinariamente as paredes perimetrais do núcleo da fábrica romana. Hoxe, ese grosor é maior porque ao forrarse exteriormente a construción primixenia cunha cuberta de impecable perpiaño, entre 1788 e 1790, a estrutura romana quedou revestida e unida a ese forro mediante tizóns perfectamente encaixados. O resultado final foi que os muros pasaron dunha anchura de 1,50 m aos 2,10 ou 2,15 m que teñen na actualidade.

A comunicación entre as cámaras de cada un dos tres niveis facíase orixinariamente seguindo unha orientación trasversal leste-oeste e sempre dous a dous, co fin de evitar que as catro estancias dunha mesma planta estivesen comunicadas e deste modo dificultar a propagación dun hipotético incendio e, ao mesmo tempo, favorecer a resistencia en caso de ataques. O ingreso desde o exterior a cada unha destas cámaras facíase a través das portas situadas na rampla helicoidal ascendente que envolvía o núcleo da Torre e que permitía o ascenso ata a parte alta da mesma. Por esa rampla suponse que subían a leña que alimentaba a fogueira que se acendía para orientar os barcos. O recurso da rampla exterior tamén está documentado no faro de Forum Julii ou Frejus.

Máis información sobre Cámaras [.PDF]