Zona arqueolóxica

As primeiras intervencións arqueolóxicas producíronse a principios da década dos anos noventa a raíz do proxecto de restauración da Torre e da súa contorna, que convocou o Ministerio de Obras Públicas e que gañou o equipo dirixido por Pablo Latorre. Este proxecto tiña como obxectivo a restauración do faro, coincidindo coa conmemoración do segundo centenario da reconstrución emprendida por Eustaquio Giannini e a súa reapertura ao público. A pesar de que ata o momento non se escavaran os cimentos da Torre, esta era unha vella reclamación que tanto Luis Monteaguado, director do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, como Theodor Hauschild, arquitecto e director do Instituto Arqueolóxico Alemán de Lisboa, formularan con anterioridade porque era o único modo en que se podería documentar a estrutura do faro en época romana.

Finalmente, no 1991 houbo unha serie de coincidencias que permitiron poder escavar baixo a plataforma de pedra da Torre. Os traballos comezaron en xuño de 1992, baixo a dirección do arqueólogo Luis Caballero Zoreda, membro do equipo do proxecto de restauración da Torre, e José M. Bello Diéguez, avalado polo Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón.

Desde os comezos da intervención constatouse a complexidade estratigráfica do subsolo, o que aconsellou ampliar a área da escavación, de modo que se pasou dunhas sondaxes iniciais a unha escavación en área. Intencionadamente se preservou un sector de 90º no que non se interveu para poder facelo nun futuro, cando os medios técnicos sexan máis sofisticados que na actualidade. A escavación arqueolóxica non se puido rematar porque o presuposto se esgotou cando se chegou aos niveis romanos na fachada principal do monumento.

Máis información sobre Zona arqueolóxica [.PDF]