Descrición

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes ata a actualidade cumpriu coa súa función primixenia: a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que na súa singradura atravesan o corredor atlántico. Esta particularidade convérteo nun exemplo excepcional como testemuño único dos numerosos faros que as civilizacións do pasado construíron ás beiras do mar e que desgraciadamente se perderon no devir da historia, mentres a Torre de Hércules continúa a cumprir coa misión de orientar e dirixir os homes do mar que se enfrontan diariamente coa inmensidade do océano.

O faro foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou nos primeiros anos do século II d. C. polo Imperio romano no finis terrae do mundo coñecido, é dicir, no noroeste de Hispania, na entrada do gran Golfo Ártabro que comprende as rías do Burgo, Ares e Ferrol (A Coruña. España), para acompañar os barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio. O lugar elixido para a súa situación foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que está entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.

Esta singular construción é de planta cuadrangular de aproximadamente 11,75 m de lado e presenta unha altura total de 55 m, dos cales34,38 m corresponden á fábrica romana e 21 m á restauración realizada no 1789 para modernizar o sistema de sinalización marítima. Naactualidade a Torre levántase sobre unha ampla plataforma poligonal de 32,40 m de ancho, que lle serve de base e que se const ruíu aprincipios do século XIX. Exteriormente, o monumento presenta unha estrutura prismática sobre a que se dispón un remate torreadooctogonal con reforzos de sección triangular nas esquinas, que suaviza o arranque da base cadrada. A este primeiro corpo torreadosucédelle outro, decrecente en altura, que lle serve de base á lanterna na que está a potente lámpada que ilumina coa súa luz os intrépidosnavegantes.

As catro fachadas exteriores son de grande austeridade no deseño e presentan unha estrutura homoxénea, que se repite en todas as frontes, con pequenas variacións na organización dos vanos. A sobriedade da linguaxe arquitectónica queda patente no emprego dunhas molduras lisas no zócolo e nos esquinais das catro frontes do corpo prismático. As ventás cos seus correspondentes gardapós están a distintos niveis nas distintas caras, aproveitando algúns dos vanos primitivos do núcleo interior, que se uniformaron para facelos simétricos, aínda que para iso fose preciso alternar os vanos abertos cos cegos ou falsos. Un dos trazos máis característicos deste faro é a imposta helicoidal que percorre as súas fachadas exteriores, desde a base ata o remate do corpo prismático, e que é o recordo da rampla ascendente que na época romana servía de acceso á Torre e da cal aínda quedaban as pegadas nos muros do edificio cando no 1789 se iniciou a restauración proxectada polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. Esta moldura condiciona a distribución dos vanos que será de cinco pares de ventás nas fachadas leste e oeste, e de catro na fronte norte e sur.

Baixo estas catro fachadas erixidas no século XVIII hai os restos do faro romano. Unha construción que probablemente foi proxectada polo arquitecto Caio Sevio Lupo, procedente da Lusitania, que deixou aos pés da Torre un epígrafe conmemorativo que por fortuna se conserva, protexido por un pequeno edículo erixido a principios do século XIX, que se localiza na plataforma que serve de base ao monumento. É realmente excepcional que coñezamos o nome deste arquitecto, de quen ignoramos máis datos pero que tivo que ter unha vinculación directa co propio monumento porque nun gravado da Torre de finais do século XVII, conservado no Arquivo da catedral de Santiago, se representa o faro e a inscrición aos seus pés, o cal parece demostrar que para os homes daquela época ambos os dous testemuños formaban parte dunha mesma realidade.

A inscrición que foi transcrita por diversos autores reza:

MARTI /
AUG[USTO] SACR[UM] /
C[AIUS] SEVIUS /
LUPUS /
ARCHITECTUS /
AEMINIENSIS /
LUSITANUS EX VO[TO]

É dicir, “Consagrado a Marte Augusto. Caio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium (Coimbra) Lusitano en cumprimento dunha promesa”.

Da construción romana chegou ata nós o núcleo interior do faro e perdeuse a rampla de acceso exterior. Este núcleo interno é unha edificación de planta cuadrangular que ten de lado 11,75 m, é dicir 33 pés romanos. Da rampla helicoidal e do muro exterior só quedan as evidencias que apareceron nas escavacións arqueolóxicas de 1992. De acordo cos datos de Caballero Zoreda e Latorre González-Moro, a construción cimentouse sobre unha plataforma de grandes perpiaños nivelada sobre un banzo superior, tallado sobre un promontorio rochoso. De todo ese sistema de cimentación quedou a marca da plataforma, onde aínda se ve a pegada das aliñacións.

Polo que respecta á altura, a Torre conserva da fábrica romana 37, 58 m, dos cales 34, 38 m quedaron ocultos baixo o forro neoclásico e os 3,20 m restantes están baixo a plataforma que se levantou a principios do século XIX e que son facilmente visibles desde a zona de escavación. A esta estrutura habería que engadirlle o corpo de remate onde estaba a rotonda romana que, segundo a documentación do século XVIII, tiña 8 varas (ca. 6,40 m) de diámetro e 5 varas (4 m) de altura, o cal daría unha altura orixinal da Torre que andaría polos 41, 58 m. Con estas dimensións, o faro sería un dos edificios romanos máis altos conservados, superado polo Pont du Gard (Francia) de 49 m e pola Columna Traxana (Roma, Italia) de 38 m de altura, pero por diante da Columna Aureliana (Roma, Italia) de 30 m, do acueduto de Segovia (España) de 28,5 m e do acueduto de Les Ferreres (Tarragona, España) de 27 m.

Como vimos, a Torre de Hércules ten na actualidade unha altura de 55 m dos cales 34 m corresponden á construción romana e 21 m á reforma dirixida no 1789 polo arquitecto militar Eustaquio Giannini, co fin de dotar o vello faro dunha nova lanterna, á que en 1806 se lle engadiu o fanal. Estas medidas fan da Torre o único faro romano que conserva en pé unha parte importante da súa estrutura, aínda que oculta baixo un forro neoclásico.

Máis información sobre Descripción [.PDF]