Situación xurídica

A Torre de Hércules é, ademais dun Ben de Interese Cultural (BIC), un faro. Como sinal marítimo cumpre unha función de auxilio á navegación. O órgano competente para a atención da sinalización marítima é o Ministerio de Fomento. Dentro deste Ministerio é a Autoridade Portuaria da Coruña a que se encarga do mantemento do sinal (Art. 36. c. Lei 27/1992, de 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante), por ser o porto da Coruña dos cualificados como de interese xeral e manter o Estado competencia exclusiva sobre el (Art. 20 a. Constitución Española, 27 de decembro de 1978).

Conforme á vixente Lei de costas, a contorna inmediata da Torre de Hércules é de dominio público marítimo-terrestre e depende do Ministerio de Medio Ambiente.

Aínda que o Ministerio de Fomento é o propietario e o órgano tutelar da Torre de Hércules en canto que é un faro e o Ministerio de Medio Ambiente o responsable dos terreos da contorna inmediata, será o Ministerio de Cultura o que ten a responsabilidade en canto que é un monumento (Declarado Monumento Histórico-Artístico o 4 de xuño de 1931), e segundo a Lei do patrimonio histórico español (Lei 16/1985 do patrimonio histórico español) debe velar pola súa protección. Estas competencias foron traspasadas á comunidade autónoma (Lei 8/1995 do patrimonio cultural de Galicia) pero segundo o art. 6.d. da citada lei o Ministerio de Cultura resérvase as competencias ao ser un ben propiedade do Estado e está xestionado pola Administración estatal.

Ao Ministerio de Fomento correspóndelle a xestión da Torre Hércules, pero o 21 de agosto de 1995 asinou un convenio co Concello da Coruña polo que a Autoridade Portuaria cedeu a utilización interior da Torre de Hércules ao Concello para que se encargase da súa xestión turística como monumento. (Anexo C1)

A Autoridade Portuaria reservouse todas aquelas competencias que lle corresponden na Torre de Hércules na súa función de faro e comprometeuse ao seu mantemento, conservación e dotación do persoal axeitado para a consecución desa función.