Curiosidades

Datos curiosos

  • A Torre de Hércules é o único faro romano do mundo que desde as súas orixes ata a actualidade continúa en funcionamento.
  • É o único faro romano do que coñecemos o nome do arquitecto-enxeñeiro que se encargou da súa realización, Caio Sevio Lupo, que se perpetuou ao deixalo gravado nunha inscrición conmemorativa dedicada ao deus Marte Augusto, aos pés da súa construción.
  • Cos seus aproximadamente 37,2 m de altura, a Torre de Hércules é un dos edificios conservados máis altos dos que coñecemos da época romana, só comparable con algunhas obras como a Columna Traxana.
  • No 1858, a raíña Isabel II, acompañada dos seus fillos, visitou A Coruña e mais o faro. Para a ocasión, segundo Tettamancy, procedeuse ao “embelecemento” do interior do edificio que consistiu en recubrir o aparello das paredes interiores con grandes lenzos de papel estampado e teas, dispoñendo incluso tabiques de barrotillo na planta baixa e falsos teitos para ocultar as bóvedas.
  • A restauración de Giannini considerouse unha das grandes realizacións da enxeñería española da época, por iso o Goberno decidiu presentar unha maqueta do faro á Exposición Universal de París do 1867 e de Viena do 1873.

A vinculación da Torre coa Arte

Tanto na arte como na literatura, a Torre de Hércules deixou a súa pegada. Son dignos de destacar os gravados de Luís Seoane, as paisaxes inquietantes de Urbano Lugrís, sempre presididas pola Torre, ou as vistas un tanto subxectivas de Francisco Llorens, Francisco Fernández Moratinos ou de Alejandro González Pascual, sen esquecer as panorámicas de Ferrant. Pero sen dúbida ningunha, o artista que lle deu unha versión máis libre e suxestiva da Torre foi Pablo Ruiz Picasso, quen aínda cando estaba a descubrir os segredos da pintura, durante os anos que viviu xunto á súa familia na Coruña, pintou varios óleos da Torre e un debuxo no que a transforma nunha suxestiva "torre de caramelo".

A vinculación da Torre coa Literatura

Os testemuños literarios son dun grande interese, destacan os artigos de Emilia Pardo Bazán, os contos de Wenceslao Fernández Flórez, os sainetes de Linares Rivas ou os poemas de Amor Meilán e de Emiliano Balas.

Nese contexto, o faro é a luz que orienta o camiño e que conduce a porto, é a imaxe do regreso, da feliz singradura, e converteuse por iso nun símbolo, nunha icona que pasou a formar parte da memoria colectiva da nosa sociedade. Así, cando a finais do século XIX e principios do XX os barcos transoceánicos cargados da emigración galega, camiño de Latinoamérica, zarpaban do porto da Coruña e enfiaban a saída da ría camiño do Novo Mundo, ao pasar xunto á Torre diminuían a velocidade das máquinas dos vapores e facían soar as súas sirenas por tres veces, nun ritual amargo e emotivo de despedida. Era o último adeus ante o faro, símbolo da terra que deixaban atrás, para todos eses homes e mulleres que cargados de ilusión abandonaban a súa terra a prol dun futuro mellor.

Pero estes emigrantes galegos, enraizados nesa terra na que naceron, levaron nas súas lixeiras equipaxes a imaxe da Torre de Hércules, que empezou a brillar de novo con forza desde o outro extremo do océano grazas aos artigos que os intelectuais publicaron en revistas da emigración. Non hai unha soa delas que entre 1890 e 1960 non conte cun artigo dedicado á Torre, onde a morriña e a saudade se fan evidentes.