Historia

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes ata a actualidade cumpriu coa súa función primixenia, a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que na súa travesía atravesaban e atravesan o corredor atlántico.

Foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou principios do século II d. C. polo Imperio romano, no finis terrae do mundo coñecido, para acompañar os barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio.

Localízase no NO da Península Ibérica, na rexión de Galicia, na provincia da Coruña e na cidade da Coruña.

O lugar elixido para a súa localización foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que se atopa entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.

Cando os romanos construíron a Torre, elixiron uns terreos que formaban parte dun espazo de culto ou santuario indíxena. Era frecuente que os celtas consagrasen promontorios costeiros a divindades asimilables a Hércules. Ademais no caso coruñés dáse a coincidencia de que as tres rochas que se sitúan no mar, fronte a Punta Eiras, se coñecen como Boi, Vaca e Cuxo, os mesmos topónimos que se repiten no santuario de Kenmare, na costa SO de Irlanda, onde as tradicións sitúan a illa de Donn ou dos Mortos. Polo tanto, nos terreos que rodean a Torre habería na época prerromana un santuario vinculado ás crenzas do máis alá que corroboraría o carácter sagrado de toda a zona.

Cando se construíu a Torre, esta quedaba afastada da cidade romana de Brigantium que orixinou A Coruña, pero co paso do tempo a distancia foise reducindo ata desaparecer e na actualidade a Torre está integrada na propia cidade pero dentro dun gran parque urbano que ocupa 50 ha. de terreo libre de edificacións, definido como solo rústico de especial protección e dedicado a zona verde.

Máis información sobre a Historia da Torre