A Torre de Hércules abre mañán ao público tras rematar os traballos de restauración que obrigaron ao seu peche

6 de outubro de 2010

Fonte: Turismo da Coruña

o O proxecto de restauración conta cun investimento de 156.120 euros que completan as intervencións realizadas durante o exercicio 2008-2009
o As melloras realizadas afectan aos paramentos interiores, sistema de iluminación e melloras puntuais en pequenas filtracións
o Durante os traballos tomáronse mostras das pedras para determinar se teñen algunha patoloxía e establecer as actuacións necesarias para palialas

 

A Coruña, 6 de outubro de 2010. A partir de mañá 7 de outubro a Torre de Hércules abrirá de novo ao público tras permanecer pechada durante varios días, a causa dos traballos de restauración que se estiveron a desenvolver nela.
As labores realizadas nas últimas semanas no faro forman parte do proxecto de restauración que conta cun orzamento de 156.120 euros e que veñen a completar as intervencións realizadas durante o ano 2008-2009 para resolver os problemas que, daquela, afectaban á fachada exterior da Torre.
As melloras que se levaron a cabo dentro deste proxecto actúan sobre os paramentos (fachadas) interiores do faro, sistema de iluminación nas escavacións así como melloras puntuais en pequenas filtracións .


Durante as últimas semanas o equipo técnico que se encarga da restauración estivo a realizar unha toma de mostras e datos para a caracterización das pedras e morteiros. No que atinxe aos paramentos interiores, fixéronse tamén estudos para determinar posibles patoloxías e establecer as actuacións necesarias para palialas. Ademais, durante as últimas semanas realizouse unha limpeza exhaustiva de todas as fachadas interiores para eliminar grafittis e pintadas.
Por outra banda leváronse a cabo traballos menores como as melloras puntuais de pequenas filtracións, o pintado do solo na pasarela na zona das escavacións e a recolocación do cableado que ofrece unha visión máis limpa do xacemento.


De aquí a final de ano está previsto concluír os traballos de musealización que teñen por obxectivo ofrecer aos visitantes unha información completa e rigorosa que contribúa á posta en valor da Torre e permita realizar unha completa lectura do edificio. A musealización levarase a cabo na escavación arqueolóxica, cámaras interiores, Sala Giannini e edículo (edificio que alberga a inscrición fundacional da Torre). Este proxecto, que conta cun investimento de 96.750 euros, inclúe ademais recursos e contidos multimedia como vídeos e audioguías.
 

Descargar documento