A Coruña gaña un premio á cidade co son do mar máis fermoso do mundo

3 de marzo de 2010

Fonte: Turismo da Coruña

A cidade da Coruña resultou a vencedora, entre 621 localidades de todo o mundo, do certame “O Son do Mar”, organizado pola cidade de Slupsk (Polonia), e que ten como obxectivo promocionar as cidades marítimas. Así o anunciou hoxe o primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, nunha comparecencia na que estivo presente o responsable de Relacións Internacionais do Concello, Marc Guscin.

A Cidade da Coruña presentou unha gravación realizada no mes de agosto de 2009 na praia do Orzán, na que se pode escoitar a cadencia das ondas e as gaivotas, tan característicos desta cidade, que tamén presentou unha fermosa fotografía dun atardecer na praia coruñesa, tal como indicaban as bases deste concurso, ao que se presentaron na primeira fase 621 cidades, foron preseleccionadas 130 e finalmente quedaron 44 finalistas, resultando finalmente vencedora a cidade da Coruña.

O primeiro tenente de alcalde de Slupsk, Ryszard Kwistowski, remitiu a Henrique Tello unha carta na que traslada a súa felicitación, como presidente do xurado, engadindo que “estou seguro de que este son pracenteiro do mar, creado pola natureza na súa forma máis pura, atraerá máis turistas á Coruña, incluso dos lugares máis distantes do mundo”.

Os membros do xurado, entre os que se atopaban o presidente da principal axencia de turismo de Polonia, o reitor da Academia de Música de Gdansk, así como autoridades relacionadas co sector marítimo e até un coñecido navegante polaco que deu a volta ao globo dúas veces, decidiron que o son do mar do Orzán é o máis fermoso do mundo, unha distinción que non só ten un gran valor sentimental, como destacou Henrique Tello, senón tamén un forte potencial como recurso turístico.

Neste sentido, o primeiro tenente de alcalde lembrou que de acordo cos estudos previos realizados para a elaboración do Plan Director de Desenvolvemento Turístico, o elemento distintivo con maior peso da cidade da Coruña, incluso por riba da súa gastronomía ou da propia Torre de Hércules, é o mar. Un mar que son moitos na Coruña, dependendo da climatoloxía, da estación do ano ou do lugar elixido para admiralo nesta cidade peninsular que é A Coruña.

Para aproveitar este potencial e mesmo para outorgarlle maior visibilidade a esta distinción e potenciala como recurso turístico, o primeiro tenente de alcalde anunciou a próxima convocatoria dun concurso no que poderán participar tanto cidadáns da Coruña como visitantes, que poderán achegar as gravacións dos sons do mar coruñés en lugares e en momentos que teñan un especial significado para eles.

O certame
A iniciativa emprendida pola cidade polaca é única no mundo xa que está centrada nos diferentes sons que ofrecen os océanos, xa que como se recorda nas bases, “pode parecer que todos teñen o mesmo son pero nesta semellanza aparente hai unha fermosura única” que vén dada polo fondo do mar, o litoral, os bosques, as dunas ou os acantilados. Con respecto á participación da cidade herculina, ademais de achegar a gravación de 3 minutos e a fotografía, indicouse o lugar, a data e a hora da gravación, así como a forza e dirección do vento, o estado do mar e o tipo de costa.

Descargar documento