A Coruña e a Torre de Hércules presentes no III encontro de xestores de sitios declarados Patrimonio Mundial

7 de outubro de 2009

Fonte: Turismo da Coruña

A Coruña, 7 de outubro de 2009.- Unha delegación da Coruña encabezada polo primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, está presente no III Encontro de Xestores de Sitios Declarados Patrimonio Mundial que este ano se celebra en Eivissa (Ibiza).

Durante a xornada de hoxe foron varios os relatorios nos que a delegación coruñesa tivo a oportunidade de participar e na que se trataron diversas cuestións referidas á promoción dos bens Patrimonio da Humanidade, destacando a centrada no Patrimonio da mocidade na que se falou da importancia de facer que os máis pequenos sexan conscientes da importancia da conservación do Patrimonio cultural.

Nesta mesma dirección traballa o Consorcio de Turismo que está a estudar a posibilidade de desenvolver unha acción directa cos nenos e nenas dos centros educativos de primaria e secundaria da cidade de xeito que se sintan copartícipes do actual proxecto para a Torre de Hércules.

Durante estas xornadas, Henrique Tello aproveitará a súa participación nesta xuntanza para intercambiar experiencias cos xestores doutras cidades que contan con esta distinción por parte da Unesco. Ademais, terá a oportunidade de presentar tanto os primeiros froitos tras a declaración outorgada á Torre de Hércules o pasado 27 de xuño, así como avanzar os principais proxectos e actuacións previstos e que se están desenvolvendo xa para promocionar e poñer en valor aínda máis o monumento máis emblemático da cidade da Coruña.

O primeiro tenente de alcalde destacou a importancia desta cita para poñer en común os intereses, inquedanzas, proxectos e outros aspectos relativos á xestión dos bens Patrimonio da Humanidade. De feito, este encontro contará con máis de cen participantes, a meirande parte deles xestores de diferentes cidades así como responsables de diversos departamentos do Ministerio de Cultura e da Unesco.

As xornadas foron inauguradas esta mañá pola directora xeral de Belas Artes e Bens Culturais do Ministerio de Cultura, Ángeles Albert, e pola alcaldesa de Eivissa, Lourdes Costa. O intenso programa inclúe numerosos relatorios sobre diferentes aspectos relacionados coa xestión, promoción, consolidación e posta en valor dos diferentes monumentos e conxuntos arquitectónicos Patrimonio da Humanidade, entre os que xa se conta a Torre de Hércules.

A Torre de Hércules tras o seu nomeamento como Patrimonio da Humanidade poderá acceder o vindeiro ano ás axudas que o Ministerio de Cultura dá á xestión e conservación deste tipo de bens, que para 2010 contará cun orzamento de dous millóns e medio ao que se suma o un por cento do diñeiro que o Goberno central da para a obra pública e que se destina a Patrimonio da Humanidade.

Deste xeito o Consorcio de Turismo presentará un plan para poñer en valor o nomeamento do faro herculino centrado no novo modelo de xestión e promoción do monumento a nivel internacional.

Descargar documento