Unha delegación italiana visita A Coruña para estudar un irmandamento entre a Torre de Hércules e a de Pisa

20 de xaneiro de 2010

Fonte: Turismo da Coruña

ALCALDÍA   

O alcalde da Coruña, Javier Losada, e o primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, recibiron hoxe no Palacio de María Pita unha delegación da cidade italiana de Pisa para escoitar a súa proposta de irmandamento do faro coruñés coa emblemática torre inclinada.

A delegación da cidade toscana estaba encabezada polo primeiro tenente de alcalde Paolo Ghezzi, a secretaria de relacións internacionais e o responsable do patrimonio cultural de Pisa, acompañados polo vicecónsul honorario de Italia en España, Francesco Milani. Tras o encontro en María Pita, os visitantes italianos visitaron o bimilenario faro romano.

Na reunión analizouse a posibilidade de levar a cabo un irmandamento entre as dúas cidades, para o cal os representantes municipais de Pisa se encargarán de formular unha proposta que defina e estableza a posible colaboración entre ambas as dúas cidades.

O campanario da catedral de Pisa é Patrimonio da Humanidade desde 1987. De frutificar a proposta, pasará a formar parte da listaxe de monumentos de sona mundial irmandados coa Torre de Hércules. En setembro de 2008 selouse a alianza do faro coruñés coa Estatua da Liberdade e pouco despois co faro do Morro, o máis antigo de América, situado na Habana.

Descargar documento