Xornada de portas abertas e visitas guiadas na Torre de Hércules polo Día Mundial do Turismo

27 de setembro de 2018

Torre de Hércules

Lanzada Calatayud moderará na Casa Museo Casares Quiroga unha mesa redonda sobre Turismo e accesibilidade.

A Coruña, 26 de setembro de 2018. Con motivo do Día Mundial do Turismo 2018, que se celebrará mañá, xoves, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña organiza unha xornada de portas abertas na Torre de Hércules. Así mesmo, segundo confirmou a directora e coordinadora do monumento, Ana Santorum, a iniciativa complementarase cunha serie de visitas guiadas en grupos de vinte persoas, como aforamento máximo, que permitirán coñecer de preto os detalles do monumento. Os horarios establecidos serán as 11.00 horas e 12.30 horas e as 17.00 e as 18.30 horas e as entradas deberán recollerse na Oficina de Turismo, situada ao pé do monumento. A partir do próximo luns, día 1 de outubro, entrará en funcionamento o novo horario de visitas da Torre de Hércules, que permanecerá aberta a diario entre o dez da mañá e o seis da tarde, cun peche para o último acceso media hora antes. As entradas seguirán á venda na Oficina de Turismo e este horario prolongarase até o mes de maio.

Paralelamente, e como actividade tamén enmarcada no calendario do Día Mundial do Turismo, a xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Lanzada Calatayud moderará mañá unha mesa redonda baixo o tema Accesibilidade. Turismo para compartir. O acto terá lugar ás 19.30 horas en Cásaa Museo Casares Quiroga coa participación de Manuela do Pilar Santos, experta en accesibilidade turística da UDC; Samuel Folgueral, arquitecto, e Rosalía López Sánchez, vicepresidenta de Grumico.

Os participantes abordarán a accesibilidade á contorna turística da cidade, expoñendo distintas perspectivas tales como o cumprimento das normativas ou as realizacións desde o punto de vista arquitectónico, analizando ademais a problemática que sofren os usuarios con dificultades de mobilidade á hora de acceder a distintos puntos de atracción turística. 

Neste sentido, hai que destacar que A Coruña é unha cidade pioneira en Galicia ao contar cunha guía de accesibilidade, editada o pasado ano polo Consorcio de Turismo e que ofrece unha detallada información sobre os distintos espazos da cidade, así como rutas accesibles nos principais puntos de atracción da cidade.

O Día Mundial do Turismo leva celebrándose desde 1980 cada 27 de setembro, o día en que os Estatutos da Organización Mundial do Turismo (OMT) entraron en vigor. Nesta edición de 2018 celebrarase en Budapest (Hungría) e recolle a testemuña do pasado ano, que abordou o turismo sustentable e centrarase agora na importancia que revisten as tecnoloxías dixitais e a innovación no turismo, para o aproveitamento dos recursos turísticos.