O Consorcio de Turismo da Coruña organiza o concurso #másqueunatorre en Instagram, con premios en metálico para as mellores imaxes - Torre de Hércules A Coruña

O Consorcio de Turismo da Coruña organiza o concurso #másqueunatorre en Instagram, con premios en metálico para as mellores imaxes

25 de maio de 2018

#MásQueUnaTorre

O consorcio de Turismo e Congresos da Coruña organiza un concurso fotográfico na rede social Instagram titulado #MásQueUnaTorre, dentro das actividades do IX aniversario do monumento na Lista do Patrimonio mundial. O concurso terá lugar entre o venres 25 de maio e o domingo 10 de xuño, ámbolos dous inclusive.

 

Os concursantes deberán presentar fotografías nas que se represente unha actividade (lúdica, social, produtiva, deportiva, etc.) realizada na contorna da Torre de Hércules, na que o monumento apareza en segundo plano ou como elemento secundario. As persoas que desexen participar deberán: 

 

  • Comezar a seguir á Torre de Hércules (@torrehercules) coa súa conta persoal de Instagram se é que aínda non o facían.
  • Subir unha foto á súa propia conta de Instagram na que o elemento principal sexa unha actividade desenvolvida na contorna da Torre de Hércules. O monumento tamén deberá aparecer, aínda que sexa en segundo plano ou como elemento secundario.
  • Na devandita foto debe etiquetarse a Torre de Hércules (usuario @torrehercules) e utilizar o hashtag #MásQueUnaTorre

 

Desde o perfil de Instagram @torrehercules, e mentres o concurso estea aberto, iranse reposteando as fotos das persoas participantes, xunto coa descrición enviada. No caso de que chegue unha grande cantidade de imaxes, poderase facer unha selección para repostear.

Os días 11 e 12 de xuño seleccionaranse as persoas gañadoras do certame, deste xeito:

 

  •  As dúas persoas gañadoras dos premios principais serán elixidas por un xurado formado por unha persoa representante do Consorcio, por un fotógrafo local residente na Coruña e por outro fotógrafo non residente, de fóra do ámbito da Coruña.
  • A persoa gañadora do terceiro premio será aquela cuxa fotografía conte con maior número de Gústame no momento de peche do concurso, ás 23:59 do domingo 10 de xuño.
  • Seleccionaranse ademais outras 17 fotografías coa maior cantidade de ‘Gústame’.

 

En total serán 20 as persoas gañadoras, que participarán coa súa fotografía, na exposición fotográfica que organizará a Torre de Hércules con motivo do seu 9º aniversario no Patrimonio Mundial.

Os premios consistirán en: 

 

  • 1 Mellor foto residente da Coruña: 250€ + participación na exposición fotográfica
  • 1 Mellor foto residente doutra cidade: 250€ + participación na exposición fotográfica
  • 1 Mellor foto do público en Instagram: 100€ + participación na exposición fotográfica
  • 17 mellores fotos do público en Instagram: participación na exposición fotográfica

 

As tres imaxes gañadoras máis as 17 con maior cantidade de gústame expoñeranse nunha mostra fotográfica que a Torre de Hércules organizará con motivo do seu 9° aniversario.

 Bases e condicións concurso #másqueunatorre en Instagram