A Torre de Hércules celebra o seu VIII aniversario como patrimonio mundial cunha semana de actividades

21 de xuño de 2017

A Torre de Hércules celebra o seu VIII aniversario como patrimonio mundial cunha semana de actividades seu VIII aniversario cComo patrimonio mundial cunha semana de actividades

Unha exposición de “solarigrafías” amosa imaxes inéditas do monumento.

A colaboración de diversos colectivos é a nota distintiva da celebración.

Na tarde-noite do vindeiro luns 26 de xuño, a Torre de Hércules iluminarase de azul, por oitavo ano consecutivo, para dar a benvida á xornada de aniversario da inclusión do monumento coruñés na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco, que se cumprirá o martes 27. Nesta ocasión, as actividades abarcarán a semana que vai do 27 de xuño ao 2 de xullo e destacan nela a realización de obradoiros para públicos diversos, actuacións teatrais, música infantil e a convocatoria dunha parada gastronómica ao pé da torre.

A adhesión de diversos colectivos é a tónica deste ano. Así, á habitual Royal Green Jackets, a Asociación de Recreadores e a Academia da Espada-AC Esgrima Antiga, únense a Asociación de Veciños As Atochas-Monte Alto, que decidiu adiantar as coñecidas Merendiñas na Torre para sumarse á celebración. Ademais, o Grupo Naturalista Hábitat e a Concellaría de Medio Ambiente aportarán actividades como tamén a Concellaría de Culturas, a través da Banda de Música Municipal que dedicará o seu concerto mensual á Torre de Hércules e ás cidades patrimonio da humanidade.

O espazo interior da Torre de Hércules tamén terá protagonismo coa exposición de fotografía solarigráfica, titulada O sol é un faro de lume, do fotógrafo Diego López Calvín. Por outra banda, a compañía Theatron Producciones Escénicas fará dous percorridos dramatizados no entorno da Torre e porá en escena ao pé do monumento Anfitrión, o nacemento de Hércules.

Finalmente, dende o venres ás 18.00 as persoas que se acheguen ao entorno da torre para celebrar o VIII aniversario, poderán participar nun evento food-trucks, coa posibilidade de degustar diversas preparacións de cociña de autor, tanto doces como salgadas.

 

Obradoiros

O martes 27 celebrarase no CIAV un obradoiro de fotografía solarigráfica, a cargo de López Calvín e de Otto Roca. Trátase dun obradoiro para persoas adultas. Os interesados en participar Terán que inscribirse en torredehercules@coruna.es. Hai 30 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

Tamén os pequenos van ter os seus obradoiros específicos. O xoves 29, de 18 a 19.30 celebrarase un obradoiro de cómic para nenos de 7 a 11 anos. O venres 30, no mesmo horario, será o momento de Titiritarium, un obradoiro de marionetas para nenos de 6 a 11 anos. Titiritarium terá unha segunda convocatoria o sábado 1, cun obradoiro de sombras chinesas, de 11.00 a 14.00. Os interesados nestes obradoiros deberán inscribirse enviando un correo electrónico a talleresinfantilescoruna@gmail.com. A inscrición farase por orde de solicitude ate completar o aforo de 15 nenos cada un. Cada neno poderá apuntarse a un so obradoiro. 

Programa VIII aniversario Torre de Hércules