A Torre de Hércules, máis protagonista nesta edición do Salón do Cómic

9 de agosto de 2016

Cartaz Viñetas

O faro acolle unha exposición de carteis das 19 edicións de ‘Viñetas dende o Atlántico’, nos que aparece o monumento.

A Torre de Hércules é a inspiradora do cartel do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico dende o seu inicio no ano 1998. Nesta edición, a Torre aumenta o seu protagonismo convertíndose en sede da cita, cunha exposición que reúne os 19 carteis anteriores de cada unha das imaxes. En todos eles figura a Torre, xa que é o único requisito que a organización pide a los autores que son invitados a realizar o deseño.

Do 8 de agosto ao 11 de setembro pódese visitar a mostra“Viñetas na Torre”, que se inicia co cartel deseñado en 1998 por Miguelanxo Prado e chega ata a actualidade co deseño de Keko para a edición deste ano. No medio, inclúe toda a traxectoria de deseños de Viñetas cos carteis asinados por Régis Loisel (1999), Mike Kaluta (2000), Juan Giménez (2001),  Daspastoras (2002), Jordi Bernet (2003), Juanjo Guarnido (2004),  Nicolas de Crécy (2005), George Pratt (2006), Manu Larcenet (2007), Jean Louis Tripp (2008), Daniel Acuña (2009), André Juillard (2010), Camille Jourdy (2011), Kim (2012), Bartolomé Seguí (2013), Max (2014) e Montse Martín (2015).