Turismo de A Coruña entrega os premios do concurso de fotos e vídeos en redes sociais “Torre de Hércules, 7º aniversario no Patrimonio Mundial”

15 de xullo de 2016

Alberto Lema entrega premio concurso fotos e vídeos
Alberto Lema recibiu os participantes premiados na primeira edición dos concursos, cos que a Torre de Hércules dinamiza a súa comunicación e promoción a través de internet
 
 
A Coruña, 15 de xullo de 2016.- O presidente do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema, entregou na mañá deste venres no Concello da Coruña os premios aos gañadores dos concursos de fotografías e vídeos “Torre de Hércules, 7º aniversario no Patrimonio Mundial”. A primeira edición do certame desenvolveuse durante o mes de xuño en redes sociais para festexar os sete anos da inclusión da Torre de Hércules na lista de Patrimonio Mundial da Unesco. Os seis premiados son os autores das tres fotografías participantes máis valoradas polo público a través de Instagram, onde @torrehercules iniciou a súa actividade esta mesma primavera, e dos tres vídeos que máis gustaron a través da plataforma YouTube. Os premiados recibiron diplomas e cadanseu premio de 300, 200 e 100 euros correspondentes ao primeiro, segundo e  terceiro posto de cada categoría.
 
Os concursos de fotografía e vídeos “Torre de Hércules, 7º aniversario no Patrimonio Mundial” foron a principal novidade da celebración deste ano. A través deles fomentouse  a participación popular e se deu visibilidade nas redes sociais ao recoñecemento universal do faro en activo máis antigo do mundo. As mencións ao perfil de Instagram @torrehercules coa etiqueta #7aniversariopatrimoniomundial xeraron preto de 63.000 interaccións.
 
No concurso de fotografías, o primeiro premio foi para Ignacio Gámiz González, cunha fotografía na que destaca o verdor dos arredores da Torre e a súa condición atlántica, coa que conseguiu 4.089 “gústame” dende o seu perfil  @turismospain. En segunda posición, Carlos Durán López (@arkitecn_) obtivo 3.051 apoios cunha inspiradora fotografía do faro desenfocado na que destacan as flores silvestres. No terceiro posto, José Francisco Ouviña Otero obtivo 1.760 “gústame” cun olpor sobre a Torre, dende o perfil @galicia_mola. En total, participaron 100 aspirantes con 205 fotografías.
 
Na categoría de vídeos recolleron os premios Beatriz Prieto Fernández de Valderrama, que conseguiu 766 “gústame” coa proposta titulada “7º Aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade”. No segundo posto, Gustavo José Lovera Ortiz logrou 748 apoios con “Torre de Hércules Lenda de Xeracións” e, en terceiro lugar, Andrea González Rodríguez obtivo 226 con “A Torre de Hércules desde o paseo marítimo”. Os vídeos pódense ver na canle de YouTube da Torre de Hércules.