Alberto Lema destaca a Torre de Hércules como “referente de turismo sostible”

2 de xullo de 2016

Torre de Hércules

O programa de actos ‘Ave Crunia 2016’ conmemora durante a fin de semana a declaración de Patrimonio da Humanidade.


A Coruña, 2 de xullo de 2016.­ O presidente do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema,  destacou este sábado a Torre de Hércules como “referente do turismo sostible polo que aposta  A Coruña, conxugando a atracción de visitantes co respecto ao patrimonio histórico e cultural do monumento e á riqueza ambiental da súa contorna”. O responsable municipal de Turismo asistiu aos actos do programa ‘Ave Crunia’ cos que esta fin de semana se celebra o sétimo aniversario da inclusión do monumento na lista de Patrimonio Mundial da Unesco. Durante toda a xornada do sábado e a mañá do domingo os visitantes gozan de recreacións históricas e espectáculos nos arredores do faro en activo máis antigo do mundo  lembrando o seu valor universal.   

O sábado, o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) e a contorna da Torre acollen charlas, exposición de materiais, dramatizacións e exhibicións para todos os públicos e unha escola de pequenos lexionarios para os cativos. A divulgación do valor histórico do faro é un obxectivo fundamental, ao que tamén contribúen as visitas a escolares que este ano chegaron a preto de 3.500 alumnos, superando as cifras do pasado.  

O domingo, esgrima e recreacións do Século de Ouro
Xunto ás recreacións da época romana que veñen sendo habituais nos últimos anos, nesta edición o ‘Ave Crunia’ incorpora ás súas actividades o Século de Ouro. Nesta etapa a cidade adquire relevancia como base marítima aumentando así o protagonismo do faro. A partir das 12.00 horas do domingo, a explanada ao pé da Torre acolle unha exhibición de esgrima histórica, campamento do Século de Ouro e recreadores con uniformes dos Tercios. O espectáculo combínase cun obradoiro e explicacións sobre os costumes da época.