Turismo de A Coruña publica os gañadores dos concursos de fotos e vídeos en redes sociais “Torre de Hércules, 7º aniversario no Patrimonio Mundial”

1 de xullo de 2016

Foto gañadora do concurso
As celebracións continúan na Torre esta fin de semana coas recreacións históricas e espectáculos de ‘Ave Crunia 2016’

A Coruña, 1 de xullo de 2016.- Turismo de A Coruña publicou este venres os gañadores da primeira edición dos concursos de fotografía e vídeos “Torre de Hércules, 7º aniversario no Patrimonio Mundial”. Estes certames supoñen a principal novidade desta celebración anual, cos que se fomentou a participación popular e se deu visibilidade nas redes sociais ao recoñecemento universal do faro en activo máis antigo do mundo. Os actos para festexar os sete anos da inclusión na listaxe da Unesco continúan esta fin de semana ao pé da propia Torre, con recreacións históricas e espectáculos do programa ‘Ave Crunia 2016’.
 
A beleza paisaxística da Torre e a súa contorna natural triunfou no concurso de fotografías de Instagram, rede social na que a Torre estreou o seu perfil oficial este mesmo ano. O primeiro premio foi para unha imaxe de Ignacio Gámiz González na que destaca o verdor dos arredores da Torre e a súa condición atlántica, coa que conseguiu 4.089 “gústame” dende o seu perfil @turismospain (87.300 seguidores). En segunda posición, Carlos Durán López (@arkitecn_) colleitou 3.051 apoios coa súa fotografía do faro desenfocada con flores silvestres en primeiro plano. No terceiro posto, José Francisco Ouviña Otero obtivo 1.760 “gústame” cun solpor sobre a Torre, dende o perfil @galicia_mola. En total, participaron 100 aspirantes con 205 fotografías. As mencións ao perfil de Instagram @torrehercules coa etiqueta #7aniversariopatrimoniomundial xeraron preto de 63.000 interaccións.
 
Na categoría de vídeos o primeiro premio foi para Beatriz Prieto Fernández de Valderrama, que conseguiu 766 “gústame” coa proposta titulada “7º Aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade”. No segundo posto, Gustavo José Lovera Ortiz logrou 748 con “Torre de Hércules Lenda de Xeracións” e, en terceiro lugar, Andrea González Rodríguez obtivo 226 apoios con “A Torre de Hércules desde o paseo marítimo”. Os vídeos están dispoñibles na canle de YouTube da Torre de Hércules . Foron os máis populares entre os seis vídeos participantes. 
 
As imaxes premiadas son as que acadaron maior popularidade dentro de todas aquelas que cumpren coas bases, publicadas na páxina web da Torre de Hércules. Os autores da fotografía e o vídeo que gañaron o primeiro posto recibirán cadanseu premio de 300 euros, mentres que a segunda posición está gratificada con 200 euros e a terceira, con 100 euros. 
 
 PROGRAMA DE ACTOS ‘AVE CRUNIA’
 
As recreacións históricas de ‘Ave Crunia’ volven á Torre esta fin de semana. Este ano, afondan na relevancia que tivo A Coruña como base marítima durante o Século de Ouro. Os actos realízanse en colaboración con Royal Green Jackets, Recreadores de Galicia e a Academia da Espada – Esgrima Antiga e Artes Marciais Europeas. O acceso a todos os actos é libre ata completar aforo. Terán lugar o sábado pola mañá entre as dez e media e as dúas, de tarde a partir das catro ata máis alá das oito e o domingo a partir das doce, con exhibicións de esgrima. O programa completo está dispoñible nas webs de Turismo de A Coruña e da Torre de Hércules.