O Concello promove "conxugar o turismo cultural cun turismo da natureza" na Torre

27 de xuño de 2016

Torre de Hércules

A Coruña, 27 de xuño de 2016.­  A concelleira de Medio Ambiente, María García, destacou este luns a “singularidade e representatividade” ambiental da contorna da Torre de Hércules e subliñou o potencial do faro e os seus arredores para “conxugar un turismo cultural cun turismo de natureza, que no centro dunha cidade pode gozar da observación duns valores naturais extraordinarios, abrindo o espectro e o potencial turístico desta contorna, tanto para visitantes como para a cidadanía’.

García participou na tarde deste luns xunto con Ana Santorun, directora da Torre de Hércules, no Fórum Metropolitano, na xornada ‘A biodiversidade da Torre de Hércules: o noso patrimonio máis natural’. O evento encádrase dentro dos actos conmemorativos do VII aniversario da declaración da Torre como Patrimonio da Humanidade.

A concelleira aposta por estratexias turísticas que teñan como “foco de atracción” a Torre, “en harmonía cos valores naturais”, tendo en conta que este é o principal refuxio da biodiversidade da cidade, en canto a especies animais e vexeitais silvestres. Como sinala García, algunhas das intervencións municipais neste espazo estánse a modificar para tratar a zona como un espazo natural, e non como un xardín ou espazo verde urbano, e indica, a este respecto, que o Goberno local está estudando a figura de protección e conservación que resulte máis adecuada, e que viría sumarse ás medidas de protección como Patrimonio da Humanidade.

Tamén marcou como obxectivo a longo prazo conectar a contorna da Torre con outros espazos naturais protexidos da comarca a través da ría do Burgo e o corredor fluvial ata o 1 encoro de Abegondo ­Cecebre, para facer un corredor de espazos naturais ata o Monumento Natural da Costa de Dexo­Serantes, que sirva para potenciar un turismo verde que se sume ao turismo cultural que atrae o monumento. Entre as medidas que xa se están a desenvolver neste ámbito desde o Goberno municipal, a concelleira destaca o estudo de hábitats e especies e plantas que se elabora, a través do Mapa da Biodiversidade, ou o proxecto piloto de Plan de Sega, dirixido a favorecer esta área como zona de cría de aves, bolboretas e outras especies, ou a protección das zonas máis sensibles, como as pozas, para a cría de anfibios.

A xornada aborda o potencial social, pedagóxico e turístico da contorna do faro e da súa riqueza ambiental e de biodiversidade co obxectivo de dar a coñecer os valores naturais incluídos neste espazo e, en especial, na zona declarada como Patrimonio da Humanidade. Ademais da concelleira de Medio Ambiente, intervén na sesión a directora da Torre de Hércules, Ana Santorum, o escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval e Elia Pérez, integrante do grupo naturalista Hábitat. “A conservación deste espazo é fundamental non só pola súa calidade paisaxística e ambiental, senón por supoñer a principal zona verde de gran tamaño plenamente natural no Concello”, salienta a concelleira, que avanza que o obxectivo do Goberno local pasa tamén por “seguir potenciando o extraordinario potencial educativo que ten este espazo”. A este respecto, lembra que é posible facer percorridos guiados de balde pola contorna para entidades e grupos de máis de cinco persoas, que se poden solicitar a través do correro educacionambientalcoruna@coruna.es.