A Torre de Hércules amence iluminada de azul para conmemorar o seus sete anos na lista de Patrimonio Mundial da Unesco

27 de xuño de 2016

Torre de Hércules

A Coruña, 27 de xuño de 2016.- A Torre de Hércules amenceu este luns iluminada de cor azul para celebrar o sétimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O faro en activo máis antigo do mundo festexa a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial da Unesco cunha serie de actos nos que a riqueza ambiental da súa contorna natural é protagonista na tarde deste luns mentres as recreacións históricas tomarán o faro a fin de semana arredor do Centro de Interpretación e Atención ao Visitante CIAV).


A directora da Torre de Hércules, Ana Santorun, participa na tarde deste luns na mesa redonda “A biodiversidade da Torre de Hércules, o noso patrimonio máis natural” no Forum Metropolitano, xunto á concelleira de Medio Ambiente da Coruña, María García, para reflexionar sobre o aproveitamento sostible deste recurso turístico. O valor ambiental do espazo no que se asenta o faro está a ser tamén protagonista nas fotos e vídeos que están a participar no concurso #7aniversariopatrimoniomundial que se mantén activo ata finais de mes a través dos perfís da Torre de Hércules en redes sociais. 

PROGRAMA DE ACTOS ‘AVE CRUNIA’

As recreacións da época romana de ‘Ave Crunia’ volven á Torre o sábado 2 e o domingo 3. Este ano, céntranse na relevancia que tivo A Coruña como base marítima durante o Século de Ouro. Os actos realízanse en colaboración con Royal Green Jackets, Recreadores de Galicia e a Academia da Espada – Esgrima Antiga e Artes Marciais Europeas. O acceso a todos os actos é libre ata completar aforo. 

Sábado 2 de xullo: 

  • 10.30 horas. Exposición de materiais no CIAV e a súa contorna
  • 12.00 horas. No CIAV. Charla de pequeno formato sobre O equipo militar republicano e alto imperial
  • 13.00 horas. Dramatización no CIAV: Espertar dunha matrona.
  • 13.00 horas. No exterior. Escola de pequenos lexionarios.
  • 13.45 horas. Desfile civil polos arredores.
  • 16.00 horas. Reapertura da exposición.
  • 17.00 horas. No CIAV. Dramatización: Espertar dun senador.
  • 18.00 horas. Escola de pequenos lexionarios.
  • 19.00 horas. Dramatización na contorna: Bendición da aguia e Ara Máxima (ofrenda a Hércules).
  • 20.00 Dramatización: Pompa gladiadora e loita de gladiadores.
  • Desfile desde a Torre de Hércules á rotonda de Breogán. 
  • En distintos momentos realizaranse roldas e exhibicións lexionarias, na contorna do Parque da Torre de Hércules.

Domingo 3 de xullo:

12.00 horas. Exhibición de esgrima histórica ao pé da Torre de Hércules. Campamento do Século de Ouro e recreadores con uniformes dos Terzos. A Asociación Academia da Espada propón aos visitantes unha exhibición-taller sobre a esgrima que se practicaba na época e os usos e costumes que a rodeaban, a súa práctica nas salas de armas e a súa implantación nos diferentes estamentos da sociedade. Ademais das explicacións, representaranse asaltos de esgrima coas armas e estilos usados na época, exposición de armas e tratados esgrimísticos e un pequeno obradoiro para ilustrar o seu uso, cunha duración dunhas dúas horas.

Últimos días para participar nos concursos de fotos e vídeos

Ata o xoves 30, Turismo de A Coruña mantén aberta a participación nos concursos de foto e vídeo cos que celebra o aniversario a través dos perfís de redes sociais da Torre de Hércules. As imaxes máis populares recibirán cadanseu premio de 300, 200 e 100 euros na categoría de fotografía e outro tanto para vídeos. e concursos de fotografía e vídeo a través das redes sociais. Para participar no concurso os usuarios deben colgar as súas fotos en Instagram mencionando a @torrehercules coa etiqueta #7aniversariopatrimoniomundial e engadindo a ubicación. Tamén poderán enviar os seus vídeos cunha duración máxima dun minuto a torreherculesonline@gmail.compara que aparezan na canle de YouTube da Torre, á que deberán subscribirse e conseguir o máximo número de “gústame”. As bases da convocatoria están dispoñibles na web.