O Concello e o Consorcio de Turismo poñen en valor a necesidade dun Centro de Interpretación e Atención ao Visitante da Torre de Hércules

8 de agosto de 2019

O Concello e o Consorcio de Turismo poñen en valor a necesidade dun Centro de Interpretación e Atención ao Visitante da Torre de Hércules
  • O Concello e o Consorcio de Turismo aproveitaron a visita da ministra Reyes Maroto para presentarlle o plan de dinamización da Torre  
  • A localización do CIAV provisional sería o idóneo para a construción dun centro de interpretación definitivo

A Coruña, 7 de agosto de 2019.-. O Concello da Coruña, xunto co Consorcio de Turismo, aproveitou a visita da ministra de Industria, Comercio e Turismo en funcións, Reyes Maroto, á cidade para presentarlle o plan para poñer en marcha a construción do Centro de Interpretación e Atención ao Visitante da Torre de Hércules.

O CIAV existente ata o momento no aparcadoiro da Torre de Hércules foi unha construción provisional tras a declaración do faro romano como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO hai dez anos. O Plan Director indicaba a necesidade de crear un centro "que albergará os contidos necesarios para a correcta interpretación do monumento, historia e lendas, a súa contorna, e tamén contará cunha zona adicada ás sinais marítimas. Esta función substituirá ao actual Centro de Interpretación provisional que se atopa no acceso ao Parque da Torre".

A celebración do décimo aniversario daquela declaración e os actos celebrados en torno a esa efeméride poñen de manifesto que o CIAV actual carece das infraestruturas e dotacións mínimas para cubrir as necesidades de persoal, dos visitantes ou dunha interpretación digna para a Torre.

Actualmente, tras un período de profunda análise dos lugares idóneos para a construción dun novo CIAV, chegouse á conclusión de que o máis indicado é o lugar onde se sitúa hoxe en día o provisional, trasladando o aparcadoiro a unha zona algo máis afastada da actual, tal e como indica o Plan Director. O novo centro podería, sen aumentar as alturas actuais, nin entorpecer as vistas da Torre, conter todos os servizos necesarios nese Centro de Interpretación: hall de recepción, baños, cafetería, tenda, salas de interpretación, salas de exposicións temporais, sala de didáctica e obradoiros infantís, sala para conferencias e cursos, oficinas, vestiario para o persoal, laboratorio de conservación, etc.

Nesta nova vida que se lle daría á contorna do faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento, o antigo Cárcere, tería tamén un protagonismo especial neste proxecto co que debe ser o nexo de unión entre o Patrimonio da Humanidade e o patrimonio da cidade. Esa localización sería a ideal para a proxección dun Museo da Cidade no que se puidesen expoñer pezas que se conservan vinculadas á Torre de Hércules con outras que explicasen a historia da Coruña. Un espazo que transmitise a vinculación da cidade coa Torre, a súa memoria histórica e que amosase a memoria da cidade ás futuras xeracións e visitantes interesados no segmento cultural.