Un espectáculo musical exclusivo de Mercedes Peón e un vídeo-mapping sobre a historia da Torre, grandes atractivos do X Aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade

12 de xuño de 2019

Un espectáculo musical exclusivo de Mercedes Peón y un video-mapping sobre la historia de la Torre, grandes atractivos del X Aniversario de la Torre de Hércules como Patrimonio de la Humanidad
  • O Consorcio de Turismo presenta un programa para todos os públicos entre os días 27 e 29 de xuño.
  • Alberto Lema destaca a posta en valor do monumento e o recoñecemento ao máis alto nivel internacional

A Coruña, 11 de xuño de 2019. O vindeiro sábado 29 de xuño a Torre de Hércules celebrará o X Aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Un concerto exclusivo de Mercedes Peón e unha proxección audiovisual nas paredes da Torre de Hércules serán os principais atractivos do programa de actos promovido conxuntamente polo Consorcio de Turismo e Congresos e a Concellería de Cultura e que foi presentado hoxe, martes, no CIAV da Torre de Hércules. No programa sucederanse exposicións, recreacións históricas, visitas nocturnas ao monumento, charlas e actividades infantís.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, Xosé Manuel Sande abriu o acto e definiu esta data como unha “efeméride de interese histórico e
cultural” cun programa intenso e acorde co labor de xestión artística e cultural levada a cabo nos últimos anos “como suma de vangarda e legado do feito artístico”.

Pola súa banda, o presidente do Consorcio, Alberto Lema sinalou que este programa de actos “pon en valor o noso patrimonio cultural e histórico nunha data como esta”. Lema evocou o legado histórico do monumento como “faro, luz, guía e emblema da cidade” e mostrou a súa satisfacción por “celebrar dun xeito especial o recoñecemento do monumento ao máis alto nivel internacional”. 

A xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, expuxo os detalles do programa “dun evento de cidade á vez que turístico” e lembrou que o calendario de
actos comezou hai xa algunhas semanas co ciclo de charlas A Torre dá saudade, con intervencións de expertos que até o último xoves de xuño están a abordar na Biblioteca de Estudos Locais “achegas multidisciplinares relacionadas coa Torre de Hércules” tales como o mar, a emigración ou a navegación.

O groso das actividades programadas celebraranse entre os días 27 e 29 de xuño na contorna do monumento e con elas, segundo apuntou Calatayud “arrinca a tempada de verán co punto de partida do aceso das fogueiras das festas de San Juan”. A xerenta do Consorcio de Turismo manifestou que os dous grandes atractivos de “un programa versátil e destinado a todos os públicos serán o vídeo-mapping e o concerto exclusivo de Mercedes Peón na noite do sábado, día 29 de xuño “todo un luxo porque se trata dun espectáculo musical e unha peza audiovisual exclusivos e únicos pensados para esta data”.

Baixo o nome Luz e Son de Hércules, a peza audiovisual de vinte minutos de duración está deseñada e executada por ACCIONA Producións e Deseño (APD). A partir das once da noite proxectarase en dúas das fachadas da Torre de Hércules “unha narración da historia do monumento” que se leva a cabo por primeira vez na cidade.


Previamente, ás 21.30, Mercedes Peón protagonizará o espectáculo Achégate a min. A artista definiu o concerto como “unha expansión artística electrónica e conceptual nese espazo a través da Torre”. Deseñado especialmente para esta contorna e esta data, “proporá unha chamada sonora, vocal e electrónica de vangarda desde e o catro puntos cardinales da rosa dos ventos”. Peón, que non adiantou detalles sobre este espectáculo exclusivo, sinalou que esta sesión creativa, que será de entrada libre, contará coa presenza de Mónica de Nut e Ana García, as voces líricas de Laura González, Laura Garrido e Yolanda Alleges, e coa proposta escénica de Laura Iturralde que “nos achegará un espazo visual aportando coherencia a esta proposta conceptual”.

 

 

Programa para todos os públicos

 

Así, o día 27, coincidindo coa data do décimo aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, comezará no CIAV unha mostra de postais da Torre ao longo do século XX, cedidas polo Arquivo Municipal. Paralelamente, no interior do monumento e coa colaboración do Grupo Naturalista Habitat, desenvolverase unha mostra fotográfica sobre a contorna natural do monumento.

Calatayud remarcou que todo o programa está marcado pola súa versatilidade con actividades para todos os públicos, “porque a torre é de todos e así debemos de entendela”. Lembrou que o día 29 desenvolverase “unha viaxe no tempo” con recreacións romanas, teatro ao aire libre e talleres infantís con inscrición no mail  talleresinfantilescoruna@gmail.com. Entre os días 24 e 28 de xuño celebrarase tamén unha edición especial de Visitas Nocturnas, coordinadas polos informadores turísticos da Torre, tamén con reservas en torredehercules.reservas@coruna.es 

A xerenta de turismo agradeceu a colaboración da Concellaría de Cultura, pola organización do concerto, Autoridade Portuaria, Concellaría de Medio Ambiente, Arquivo Municipal, Estrella Galicia, Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, Biblioteca de Estudos Locais e Grupo Naturalista Hábitat, así como ás asociacións Noite Bohemia, Gallaecia Viva, Recreadores de Galicia, Royal Green Jackets.