A ocupación hostaleira en Semana Santa na Coruña alcanza un 86% e supera en 12 puntos a de 2018

22 de abril de 2019

Visitas en Semana Santa

As cifras rompen coas previsións do sector e o presidente do Consorcio, Alberto Lema, relaciónao coa oferta da cidade e os resultados do Plan Estratéxico de Turismo 

A Coruña, 22 de abril de 2019. A ocupación hostaleira rexistrada durante a Semana Santa alcanzou un 86%, segundo os datos facilitados pola Asociación Empresarial de Hospedaxe (Hospeco). Esta cifra rompeu todas as previsións anunciadas poucos días antes do inicio das vacacións, que situaban o índice de ocupación hostaleira estimado nun 73%.

Ao respecto destes resultados, o concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos, Alberto Lema, valorou moi positivamente “uns datos que confirman o bo labor desenvolvido nos últimos anos na promoción turística da Coruña”, baseada na promoción estratéxica a longo prazo e “a colaboración público-privada sustanciada na aprobación do Plan Estratéxico de Turismo en febreiro de 2017”, apuntou.

Lema cualificou de “excelentes” estas cifras de ocupación nos establecementos hostaleiros da cidade, que creceron 13 puntos con respecto ás estimacións facilitadas poucos días antes do inicio das vacacións e que ademais e superaron con fartura os resultados do pasado ano, que chegaron a un 74%. Pola súa banda, a xerenta do Consorcio e Turismo e Congresos, Lanzada Calatayud, tamén mostrou a súa satisfacción por uns rexistros que demostran que A Coruña “é unha cidade que vende autenticidade cultural, patrimonial, ambiental e gastronómica”, manifestou.

O presidente do Consorcio de Turismo e Congresos engadiu, neste sentido, que A Coruña “é percibida hoxe como unha cidade sempre aberta, amable cos visitantes, dinámica e cosmopolita, cun importante patrimonio cultural e unha atractiva programación artística, así como por unha oferta de lecer e gastronomía que se distinguen pola súa óptima relación calidade-prezo”.

Segundo Hospeco, este incremento no índice de ocupación rexistrado nos últimos días pode relacionarse coas condicións meteorolóxicas adversas sufridas durante a Semana Santa no sur de España e Levante, zonas habitualmente moi concorridas nesta época do ano. En canto a outros destinos galegos, a ocupación hostaleira na Coruña coa súa oferta de Semana Santa roldou as cifras estimadas en puntos como Viveiro ou Ferrol, en torno a un 90%, cunha celebración da Semana Santa recoñecida como de Interese Turístico Internacional.

O seu presidente, Rafael Benito, valorou positivamente que durante estes días “os prezos medios mantivéronse con respecto ao pasado ano e a rendibilidade non descendeu con respecto a 2018”. A falta dun balance definitivo, os datos facilitados por Hospeco tras a recollida de datos en 14 hoteis da cidade confirman que o perfil dos visitantes foi maioritariamente de procedencia nacional, con aproximadamente un 95%, dividido nun 40% de persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia e un 60% restante procedente en liñas xerais de Madrid e Barcelona.