A Coruña participa no European Cities Marketing de Edimburgo para analizar o impacto do turismo urbano

13 de febreiro de 2019

Non hai imaxe

No evento destacan atractivos do 2019 como o décimo aniversario da Torre como Patrimonio Mundial ou o Festival do Noroeste, entre outros

A Coruña, 13 de febreiro de 2018. O presidente e a xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema e Lanzada Calatayud, participan esta semana en Edimburgo (Escocia) na asemblea da European Cities Marketing (ECM), asociación internacional que se adica a fomentar a promoción das cidades europeas dende o punto de vista do turismo urbano sustentable, unha das grandes potencialidades da Coruña segundo o propio Plan de Estratéxico de Turismo (PET).

O foro, que se celebra entre os días 13 e 16, céntrase, nesta edición, nas experiencias das cidades na organización de eventos urbanos como instrumentos de captación de visitantes. É o caso de exemplos como o festival Sal, o centenario Picadillo ou o Street Stunts, entre outros eventos.

O tamén concelleiro de Emprego, Alberto Lema, salienta que o turismo urbano “é precisamente unha das apostas levadas a cabo polo Concello ao longo deste mandato”. “Estes anos, tanto o goberno local como o Consorcio de Turismo puxo en marcha distintos eventos de carácter deportivo, cultural e musical, complementarios á oferta turística propia da Coruña e que se converteron nun polo de atracción de visitantes que exporta esa imaxe de Coruña sostible e de vangarda”, di Lema, que destaca tanto a descentralización nos barrios da cidade do Festival Noroeste, como os eventos relacionados cos deportes náuticos e urbanos, a celebración dunha nova edición da Tall Ships Race ou as citas gastronómicas. “Sen ir máis lonxe, este 2019 volvemos a ter unha axenda repleta de eventos de diversa índole que van achegar turistas. É o caso de todas as actividades ligadas ao décimo aniversario da Torre como Patrimonio da Humanidade, o Campionato de España de Triatlón, unha nova edición do Fórum Gastronómico ou un novo Festival do Noroeste.

A asemblea da ECM servirá tamén para que os responsabeis do Consorcio tomen coñecemento das experiencias doutras cidades. Está previsto que expertos e expertas internacionais falen da creación e desenvolvemento de eventos como o Oktberfest de Munich, o festival de música de Salzburgo, o marathon de Valencia ou o festival de videoxogos de Malmö. Ademais, e no marco da reunión, a ECM presentará o Event Impact Calculator, un medidor do impacto de eventos que ten como fin analizar a repercusión económica que estas actividades xeran nas cidades.

O Consorcio de Turismo da Coruña entrou a formar parte da rede European Cities Marketing hai un ano, na asemblea celebrada en Reykjavik (Islandia), onde a súa candidatura de adhesión foi avalada por cidades punteiras no sector turístico como Barcelona e San Sebastián. 

 

Máis información